A área sanitaria ten 452 casos activos por covid-19, 27 deles pacientes hospitalizados

Pontevedra
16 de maio 2021

Non foron moitos, pero por poucos que sexan sempre é unha boa noticia que se reduzan os casos activos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este domingo son 452, seis menos que onte. Os novos contaxios foron só nove

Realización de test PCR en Pontevedra
Realización de test PCR en Pontevedra / Mónica Patxot

Non foron moitos, pero por poucos que sexan sempre é unha boa noticia que se reduzan os casos activos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este domingo son 452, seis menos que onte. Os novos contaxios foron só nove.

O número de pacientes hospitalizados, segundo o balance do Servizo Galego de Saúde, tamén se reduce. Hai 27 persoas ingresadas nos tres hospitais da área sanitaria con coronavirus

A maior parte deles (11) están en planta, en Montecelo. Outros sete están a ser atendidos no Hospital do Salnés e non hai ningún no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Pola súa banda, hai nove pacientes ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo. Son os mesmos que rexistraba o último balance de Sanidade.

O resto dos que contraeron o virus, outras 425 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 13.400 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 15 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 175 falecementos asociados ao virus.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 228.030, 886 nas últimas horas. Delas, 8 deron positivo (0,90%). A estas probas súmanse as 114.367 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.832, 33 menos que o día anterior. Deles 628 son da área da Coruña, 177 da de Lugo, 211 da de Ourense, 452 da de Pontevedra, 849 da área de Vigo, 428 da de Santiago e 87 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 138 en unidades de hospitalización e 2.659 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 119.624 persoas curadas, rexistrándose 2.401 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 2.167.999 probas PCR, 6.335 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar 118 novos infectados.