A incidencia da covid-19 segue crecendo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e este martes deixa cifras que non se vivían desde o pico da segunda onda da pandemia. En concreto, supéranse os 90 novos positivos nunha xornada e a taxa de positividade case alcanza o 23%.
Segundo o balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde, este martes hai 809 casos activos de covid-19, 51 máis que o luns. Na mesma xornada déronse 43 altas, faleceu no seu domicilio unha muller que fora diagnosticada pola enfermidade e confirmáronse 95 novos positivos.
Estes novos positivos confirmáronse nunha xornada na que se realizaron 414 PCR, de modo que preto do 23% das probas realizadas deron resultado positivo.
Segundo o balance oficial, non se producen apenas cambios na presión asistencial. Así, hai o mesmo número de pacientes con covid-19 ingresados na área sanitaria, 55, aínda que hai un menos que o luns na unidade de Coidados Críticos e un máis ingresado en planta.
En concreto, hai 45 pacientes ingresados en planta de hospitalización -35 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 10 no Hospital do Salnés- e 10 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.
O resto de pacientes, un total de 754, están en corentena no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 6.687 pacientes (43 máis na última xornada) e faleceron por este virus na área sanitaria 88 pacientes (a última, este luns no seu domicilio, unha muller de 87 anos que presentaba patoloxías previas).
En canto a realización de PCR’ s, as 414 realizadas nas últimas 24 horas elevan a 120.914 o total de probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia.
DATOS EN GALICIA
A nivel autonómico, este martes confirmáronse 844 positivos novos nun total de 6.232 probas PCR, o que implica que deron positivo o 13,54% das probas. Dado que tamén se rexistraron 12 falecementos e 272 altas, o número casos activos é este mates de 560 máis que o luns En total, hai 8.810 en toda Galicia.
A incidencia da covid-19 crece en todas as áreas sanitarias e en todas aumentan os seus casos activos. Un día máis, A Coruña presenta as peores cifras, con 2.064 casos activos, 120 máis que o día anterior. Séguenlle Santiago, con 1.810 (+131); Vigo, con 1.579 (+95); Ourense, con 1.140 (+100); Lugo, con 810 (+32); Pontevedra, con 809 (+51); e Ferrol, con 598 (+31).
Nos hospitais a situación tampouco mellora. Este martes hai 491 pacientes, 23 máis que o luns. Un total de 421 están ingresados en planta e 70 en UCI.