Na última xornada, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectou un total de 59 novos positivos de covid-19 e, a pesar de que tamén se curaron 28 persoas, segue aumentando a cifra de casos activos, que xa roza os 600.
Segundo o balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde, este venres 23 de outubro hai 595 casos activos na área sanitaria, 31 máis que o xoves, dos que 558 permanecen evolucionando no seu domicilio e 37 requiren ingreso hospitalario.
Nos hospitais da área sanitaria rexistrouse unha redución leve da presión asistencia, con dous pacientes menos que o xoves. En total, hai sete pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, un máis que o xoves, e 30 ingresados en planta de hospitalización, tres menos.
En canto aos ingresados en planta, 25 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 5 no Hospital do Salnés, mentres que este venres non hai ningún no Hospital Quirón Saúde Miguel Domínguez, onde o xoves permanecía un paciente.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 2.249 pacientes, 28 máis que na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 27 pacientes. A última falecida foi unha muller de 60 anos que estaba ingresada e presentaba patoloxías previas.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 794, que se engaden ás 57.120 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés .
A nivel autonómico, Galicia rexistrou na última xornada a maior cifra diaria de contaxios desde o inicio da pandemia, un total de 514. En total, na comunidade hai este venres 5.880 casos activos, dos que 325 están ingresados en planta dos distintos hospitais e 48 en UCI.
Desde o inicio da pandemia curáronse 24.573 pacientes e faleceron 856 en toda Galicia. Ata o de agora contaxiáronse un total de 31.309 persoas e realizáronse 616.297 probas PCR e 393.462 probas serológicas.