O número de altas hospitalarias de pacientes ingresados polo coronavirus COVID-19 disparouse nas últimas horas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
Despois de que o sábado non se producise ningunha, segundo os datos oficiais desvelados este domingo 29 de marzo pola Consellería de Sanidade foron 12 os pacientes que recibiron o alta nesta área para un total de 15 desde que comezou a crise sanitaria.
Actualmente permanecen activos en Pontevedra e O Salnés un total de 324 casos (34 máis que o sábado), dos que 107 están ingresados en centros hospitalarios repartidos entre Montecelo, Hospital do Salnés (16) e Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1). Estas cifras supoñen contar con 14 pacientes máis ingresados que o día anterior.
Si se rexistrou un incremento no número de enfermos na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), que pasou a ser de 15 pacientes polos 12 do día anterior, mentres que por último a cifra de falecidos mantense nas 6 persoas.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou ademais que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 2.925. Deles 639 son da área da Coruña, 244 da de Lugo, 415 da de Ourense, 681 da área de Vigo, 480 da de Santiago, e 142 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 122 permanecen en UCI, 707 están en unidades de hospitalización e 2.096 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 153 altas de pacientes e 61 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 14.440.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.