A área sanitaria mantén oito pacientes, dous deles graves, ingresados por covid

Pontevedra
16 de xuño 2021

Cinco pacientes están en planta do Hospital Montecelo e un permanece no Hospital do Salnés. A eles hai que sumar dous pacientes que se atopan na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario. A área presenta este mércores 16, 124 casos activos, catro menos que hai 24 horas

Vacinación no Hospital Montecelo
Vacinación no Hospital Montecelo / SERGAS - Arquivo

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés mantén, este mércores 16, oito pacientes ingresados con coronavirus nos seus centros hospitalarios. Cinco atópanse en planta do Hospital Montecelo, un no Hospital do Salnés e dous pacientes covid mantéñense graves na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

A Consellería de  Sanidade sinala que nesta xornada hai 124 casos activos na área sanitaria, catro menos que o martes. Deles, 116 persoas enfermas recupéranse nos seus domicilios sen necesidade de hospitalización.

Realizáronse 245 probas PCR durante as últimas horas, con catro casos novos detectados a través deste sistema.

Non se rexistraron falecementos por esta enfermidade durante os últimos días. Desta forma, o número de decesos segue situado en 181 pacientes desde o inicio do plan de continxencia. Durante este período curáronse 14.077 persoas, dez máis que na xornada de onte.

DATOS EN GALICIA

Segundo os datos ofrecidos por Sanidade, durante as últimas 24 horas detectáronse 65 novos casos en Galicia, cinco máis que na xornada do martes. O número total de casos activos é de 1.346, 33 menos. Atópanse hospitalizadas 62 persoas, cinco menos que hai 24 horas, ás que hai que sumar 15 pacientes graves na UCI.

Por áreas sanitarias, A Coruña-Cee conta con 17 novos casos, 401 e Ferrol tamén aumenta nun caso (93) os casos activos. No resto de áreas diminuíron os positivos con 274 caos en Vigo, 18 menos que o martes; en Lugo 175 (-13); Ourense 145 (-4); Santiago-O Barbanza, 134 (-12) e Pontevedra-O Salnés, 124 (-4).

Nas últimas horas non se rexistraron falecementos na comunidade autónoma e desde o inicio da pandemia a cifra de mortes por covid-19 atópase en 2.430 persoas. Curáronse 124.356 persoas, 98 máis nas últimas horas.