Este venres 14 de outubro ás 20.00 horas está prevista unha manifestación no Salnés que se iniciará na Casa do mar de Vilagarcía de Arousa en defensa da Atención Primaria.
Ante esta nova protesta, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, manifestaba que "somos respectuosos coas decisións de cada colectivo", insistindo en que o déficit de facultativos é a principal causa da situación que atravesa a Atención Primaria e lembrou que se están buscando solucións a curto e medio prazo.
Desta forma, indicou que a Consellería de Sanidade nos consellos interterritoriais demandaron que se formen máis especialistas en medicina de familia, pediatría e medicina interna, que son os servizos nos que se detecta unha maior demanda.
O Ministerio de Sanidade pediu para 2023 un especial esforzo na formación e Flores engadiu que Galicia achega o 50% do incremento das prazas aumentadas en toda España, pero ese esforzo non se detectará ata os catro anos que conleva a formación dos futuros profesionais médicos. Tamén insistiu en que se demanda a creación da especialidade dos médicos de urxencia.
Tamén explicou que quedaron tres prazas por cubrir na última convocatoria para a área de Pontevedra e O Salnés, polo que se volverán a convocar estes postos.
O xerente explicou que os centros de saúde que se está resolvendo o problema parcialmente en centros de saúde nos que se rexistraron situacións "tensas" e citou O Grove, Baltar en Sanxenxo e Marín. Alegou que se están sumando facultativos, ademais de estudarse outras fórmulas para ofertar a mellor asistencia á poboación.
COLAS NOS VACINÓDROMOS
Ante as protestas de usuarios de avanzada idade que acoden durante estes días aos vacunódromos para recibir a cuarta dose contra a covid-19 debido ás colas que se rexistraron durante algunha xornada, indicaba que esa cita en grandes recintos "non foi moi ben recibida".
En todo caso, lembrou que esta opción se puxo en marcha para aliviar a carga nos centros de Atención Primaria.
Apuntou que aquelas persoas que non poidan acudir ao edificio administrativo de Campolongo ou ao recinto de Fexdega en Vilagarcía para recibir a vacina serán citados en cada centro de saúde de cabeceira de Atención Primaria. No caso de que a persoa non poida desprazarse por problemas de mobilidade, tamén recibirán a cita para partir do martes para que a vacina sexa administrada a domicilio.
José Flores insistiu en que se están dando tamén facilidades para que as persoas que viven no mesmo domicilio e que son citadas en distintas datas se poidan vacinar conxuntamente para evitar un novo desprazamento aos vacinódromos.
Admitiu que a xerencia se mantén alerta #ante posibles repuntes da pandemia para indicar que, neste momento, os niveis de persoas infectadas son similares aos da semana anterior nesta área sanitaria.