A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibe a 48 novos residentes

Pontevedra
27 de maio 2022

O acto de benvida, presidido polo xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, serviu tamén para homenaxear aos 41 residentes que completaron a súa formación e para asistir á conferencia maxistral do  cardiólogo Carlos Pena Gil sobre "a intelixencia artificial na atención sanitaria"    

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibe a 48 novos residentes
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibe a 48 novos residentes / Sergas

O salón de actos do Hospital Montecelo foi escenario este venres do dobre acto de recepción oficial da promoción 2022-2023 de 48 residentes e na despedida oficial da promoción 2021-2022 de 41 residentes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, presidiu o acto e estivo acompañado, entre outros directivos, pola directora asistencial da Área Sanitaria, Sonia Fernández-Arruti e polo presidente da Comisión de Docencia e xefe de estudos da unidade docente de Pontevedra, o doutor Luís Anibarro García. Tanto o xerente coma os coordinadores da docencia deron a benvida nas súas intervencións a estes 48 residentes: 16 médicos de familia, 2 matronas, 20 especialistas hospitalarios e 10 enfermeiras de familia.

Todos eles coincidiron ao sinalar que o Sergas segue a formar novos profesionais nun mundo sanitario en permanente cambio, onde os progresos tecnolóxicos son constantes e motivadores.

Este dobre acto para as promocións de residentes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés tamén acolleu a conferencia maxistral “A Intelixencia Artificial na atención sanitaria” do cardiólogo clínico e responsable da Unidade de Rehabilitación Cardiaca do CHUS compostelán, Carlos Peña Gil, que expuxo exemplos prácticos de investigación que amosan o que se está a efectuar neste senso, así coma o potencial futuro da intelixencia artificial no eido da saúde.

Neste mesmo acto brindouse tamén a homenaxe de despedida dos 41 especialistas que remataron a súa formación nos hospitais e centros de saúde de Pontevedra e O Salnés, que recibiron os seus certificados acreditativos. Deles, 15 son médicos de familia, 3 son matronas, 18 son especialistas hospitalarios e 5 son enfermeiras de familia.

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta cun total de 81 titores, dos que 35 imparten docencia no eido da Atención Primaria, 31 forman en Atención Hospitalaria e 15 aportan docencia e formación no eido da Enfermaría.

Ademais cóntase con acreditación docente para formar matronas, enfermaría de Familia, enfermaría de Pediatría, enfermaría de Saúde Mental, especialistas en Medicina Familiar e imparte docencia en 24 especialidades hospitalarias: Análises Clínicas, Anestesioloxía e Reanimación, Cardioloxía, Cirurxía Xeral, Cirurxía Vascular, Dermatoloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía e Nutrición, Farmacia hospitalaria, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina interna, Microbioloxía e Parasitoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría, Psicoloxía clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Rehabilitación, Reumatoloxía, Traumatoloxía e Uroloxía.

Así mesmo, cómpre sinalar que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta cun total de cinco prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago de Compostela nas especialidades de Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Dermatoloxía, Medicina Interna e Psiquiatría.