A área sanitaria de Pontevedra dispón de 50 camas, 10 delas pediátricas, para refuxiados ucraínos

Pontevedra
01 de marzo 2022

Segundo comunica a Xunta, as sete áreas sanitarias de Galicia sumarán 432 camas para persoas de Ucraína que requiran ser atendidas con urxencia. Deste total, 113 estarían destinadas a pacientes pediátricos, 15 para nenos e nenas con necesidade de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos

A poboación ucraína cruza a fronteira de Ucrania a Polonia
A poboación ucraína cruza a fronteira de Ucrania a Polonia / UNIAN - UNICEF

A Xunta de Galicia amplía ás sete areas hospitalarias da comunidade a súa disposición para acoller a poboación de Ucraína con necesidade de atención sanitaria. Deste xeito, e tal e como informou o goberno galego ao Ministerio de Sanidade, Galicia contará coa dispoñibilidade de 432 camas.

Deste total, 113 estarían destinadas a pacientes pediátricos, 15 para nenos e nenas con necesidade de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Con respecto aos adultos con necesidade de atención sanitaria, das 319 camas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.

Así, a Consellería de Sanidade amplía o ofrecemento que realizou esta fin de semana, na que puxo a disposición camas de hospitalización no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Por áreas sanitarias, a de A Coruña e Cee ten capacidade para ofrecer 73 camas para persoas de Ucraína que requiran ser atendidas con urxencia, da cales 24 serían para pacientes pediátricos. Na de Vigo, hai posibilidade de 77 camas hospitalarias para esta fin, das que 27 serían para atender os máis pequenos e pequenas.

Na área sanitaria de Santiago e Barbanza ofrécense 72 camas, con 27 para pacientes pediátricos. Na de Lugo, A Mariña e Monforte son un total de 60 as dispoñibles, con 15 destinadas a nenos enfermos de Ucraína que precisan atención sanitaria urxente.

Na de Ourense, Verín e O Barco hai dispoñibilidade de 55 camas, das que 10 son para atender os máis pequenos e pequenas.

Complétase esta cobertura coas 50 da área sanitaria de Pontevedra, cun total de 10 para atención pediátrica, e tamén coas 45 da área de Ferrol, das que 10 están reservadas para darlle cobertura sanitaria aos nenos.

Arquivado en