A Área Sanitaria convoca a mobilidade interna voluntaria para o seu persoal

Pontevedra
01 de agosto 2024

Ofértanse 897 postos, dos que 743 son no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, mentres que 154 corresponden ao Hospital Público do Salnés

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores o anuncio da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, polo que se convoca o procedemento de mobilidade interna voluntaria para persoal estatutario fixo de diversas categorías no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).

Tamén, nesta mesma semana, o luns 29 de xullo, tense publicado o anuncio no DOG da convocatoria procedemento de mobilidade interna voluntaria para persoal do Hospital Público do Salnés.

Estes concursos realízanse coa finalidade de facer efectivo o dereito á mobilidade interna do persoal do CHUP e do Hospital do Salnés, logo da negociación coas organizacións sindicais con representación na Xunta de Persoal. 

Con estas convocatorias o persoal pode optar voluntariamente a postos que polas súas características (tipoloxía de patoloxías a atender, réxime de quendas, horarios...) entenden máis favorables para o desempeño da súa actividade profesional, ou que permiten unha mellor conciliación da vida familiar e profesional.

Por distritos, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ofértanse un total de 743 postos e no Hospital Público do Salnés, ofértanse 154.

Ademais dos postos ofertados, adxudicaranse aqueles postos que queden libres (as resultas) como consecuencia da adxudicación da oferta que se realiza.

Os postos ofertados e as bases íntegras da convocatoria están expostos nos taboleiros de anuncios da Dirección e na intranet da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Os prazos para a presentación das solicitudes de participación esténdense para o persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra dende o 1 de agosto ao 20 de setembro, e para o persoal do Hospital Público de O Salnés dende o 30 de xullo ao 16 de setembro.