A área sanitaria continúa coa pandemia sen control e confirma 150 novos positivos en covid-19 nun día

Pontevedra
26 de xullo 2021
Actualizado: 13:04

A pandemia continúa sen control na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e este luns suma xa 2.940 casos activos de covid-19, cifra que continúa como récord de pacientes coa enfermidade, por encima dos datos do pico da segunda onda. Hai un paciente ingresado menos que o domingo, pero tamén se confirmou un falecemento

Persoa paseando con máscara pola ponte da Barca
Persoa paseando con máscara pola ponte da Barca / Cristina Saiz

A pandemia continúa sen control na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e este luns suma xa 2.940 casos activos de covid-19, cifra que continúa como récord de pacientes coa enfermidade, por encima dos datos do pico da segunda onda.

Segundo o balance diario do  Servizo  Galego de  Saúde, nas últimas 24 horas confirmáronse 150 novos positivos, aínda que houbo 83 pacientes que recibiron a alta médica, de modo que en total son 67 casos activos máis que o domingo. 

Do total de 2.940 casos activos, 2.903 casos son pacientes sen síntomas ou con síntomas leves que se atopan en corentena no seu domicilio e 37 están no hospital.

Nos hospitais apenas hai variación da situación, pois hai un paciente menos que o domingo, pero tamén se confirmou un falecemento. Trátase dun home de 87 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Este luns hai catro pacientes con covid-19 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, sen cambios fronte ao domingo, e outros 33 ingresados en planta de hospitalización, un menos. Son 22 no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 4 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez e 7 no Hospital  do Salnés.

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 15.164 pacientes, 83 nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 182 pacientes.

En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 697, que se engaden ás 271.615 xa efectuadas desde o inicio da pandemia.

EVOLUCIÓN EN GALICIA 

O balance oficial diario indica que en Galicia hai 17.298 casos activos tras confirmarse 1.115 novos positivos nunha xornada. 

 Nos hospitais galegos, a situación tampouco remite. Este luns hai 258 pacientes ingresados. En concreto, 25 pacientes en UCI, tres máis que o domingo, e 233 ingresados en planta, 28 máis.

Por áreas sanitarias, Vigo ten o maior número de casos, 4.065, 150 máis que o domingo; A Coruña ten 3.121, 135 máis); Ourense ten menos casos, 2.275 positivos86 menos; Santiago ten 2.213, 113 máis; Lugo suma 1.881, 120 máis; e Ferrol alcanza os  803 positivos, 45 máis.