A área sanitaria comeza a semana con só 127 casos activos por covid-19

Pontevedra
14 de xuño 2021

Permanecen sete pacientes ingresados por coronavirus nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Catro persoas atópanse en planta do Hospital Montecelo, unha no Hospital do Salnés e dous pacientes con covid continúan graves na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo

Vacinación de persoas entre 40 e 49 anos no Recinto Feiral
Vacinación de persoas entre 40 e 49 anos no Recinto Feiral / Mónica Patxot

Segue o progresivo descenso do número de persoas infectadas por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade este luns 14, hai 127 casos activos nesta xornada, cinco menos que o domingo. 

Desta cifra, 120 persoas atópanse nas súas vivendas recuperándose da enfermidade mentres que sete pacientes están ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra-O Salnés. Catro persoas ingresadas con coronavirus están en planta do Hospital Montecelo, unha no Hospital do Salnés e outros dous pacientes continúan graves na Unidade de Coidados Críticos de Montecelo.

Durante as últimas 24 horas realizáronse 695 probas PCR con tan só dous novos casos confirmados por este método. 

Non se rexistraron novas mortes por mor da pandemia nos últimos días, polo que o número de falecementos con motivo desta enfermidade segue sendo de 181 persoas na área sanitaria. Curáronse 14.058 persoas, sete máis na última xornada.

GALICIA

A comunidade autónoma rexistra 56 positivos novos de covid-19 nas últimas 24 horas. Son 23 contaxios diarios menos respecto a os contabilizados o domingo. O departamento de  Sanidade Pública non notificou falecementos como consecuencia da enfermidade nas últimas 48 horas,

O número de casos activos é de 1.401 persoas (-61), con 69 pacientes hospitalizados por covid nos centros sanitarios galegos, cinco máis nas últimas 24 horas. A este número hai que sumar 18 persoas ingresadas nas Unidades de Coidados Críticos, catro máis que o domingo.

A incidencia acumulada a 14 días fica este luns en 41,26 casos por cada 100.000 habitantes. A incidencia a 7 días baixa tamén e sitúase en 19,09. O número de falecementos por coronavirus en Galicia continúa sendo de 2.430 persoas desde o inicio da pandemia.