A área sanitaria baixa dos 5.000 casos activos de covid-19 por primeira vez este ano

Pontevedra
12 de febreiro 2022

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este sábado 4.934 casos activos. A cifra non se vivía desde o 30 de decembro de 2021, cando se rexistraron 4.993. Hai 95 pacientes hospitalizados, dous menos que o venres, seis deles na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo

Punto de realización de test de antíxenos no recinto feiral de Pontevedra
Punto de realización de test de antíxenos no recinto feiral de Pontevedra / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este sábado, con datos das seis da tarde do venres, 4.934 casos activos de covid-19. É a primeira vez no que vai de ano 2022 que baixa dos 5.000 pacientes coa enfermidade e supón unha cifra que non se vivía desde o 30 de decembro de 2021, cando se rexistraron 4.993. A partir de aí, e desde principios de ano, superábase esa barreira. 

A incidencia da covid-19 segue sendo elevada e o último balance oficial recoñece 336 novos positivos nunha xornada, pero os casos totais seguen baixando porque hai máis altas que número de novos casos. Este sábado houbo 614 altas, de modo que o total de casos activos baixou. 

En concreto, hai 278 casos activos menos que o venres e tamén baixaron os pacientes nos hospitais.

Este sábado os hospitais pontevedreses teñen 95 pacientes con covid-19, dúas menos que o venres. Son seis na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, a mesma cifra que o día anterior, e 89 en planta de hospitalización. 

Os pacientes en planta son dous menos que o día anterior e están 75 no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 1 no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez e 13 no Hospital  do Salnés. 

Actualmente, outros 4.839 casos seguen no seu domicilio con síntomas leves ou sen síntomas. 

Desde o inicio da pandemia curáronse 49.366 pacientes e faleceron 248 na área sanitaria.

En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 647, que elevan a 394.722 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria. Ademais, realizáronse 224.106 test de  antíxenos e 121.585 probas de detección doutra natureza.