A área recreativa da praia fluvial de Carballedo terá un albergue para peregrinos da Vía Mariana

Cerdedo-Cotobade
03 de febreiro 2022

Ata oito prazas terá o futuro albergue de peregrinos que se porá en marcha na área recreativa da praia fluvial de Carballedo, para os visitantes da coñecida como Vía Mariana. O albergue estará situado no local municipal existente nesta área recreativa

Limpeza das praias de Cerdedo-Cotobade
Limpeza das praias de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

Ata oito prazas terá o futuro albergue de peregrinos que se porá en marcha na área recreativa da praia fluvial de Carballedo, para os visitantes da coñecida como Vía Mariana.

O albergue estará situado no local municipal existente nesta área recreativa.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, está xestionando con outras administracións unha subvención para afrontar a remodelación de edificio que os técnicos valoraron no seu proxecto nuns 50.000 euros.

O goberno municipal quere así explotar o tirón turístico dunha vía que discorre polas parroquias de Augasantas, Valongo, Loureiro, Carballedo, Santa María de Sacos e San Xurxo de Sacos, antes de adentrarse xa no municipio de Campo Lameiro.

A este respecto, o Concello manterá varias xuntanzas coas comunidades de montes para solicitar a súa colaboración á hora de acondicionar sendeiros e facer labores de roza e mantemento de espazos e camiños por onde pasa esta Vía Mariana.

Cubela sinalou que esta decisión vén como consecuencia da xuntanza mantida con responsables da Vía Mariana "onde lle fixemos ver o noso compromiso con esta iniciativa que agroma como unha ruta alternativa nos tempos da peregrinaxe a Santiago de Compostela".