A app ‘Meu Concello’ recibiu 114 incidencias en dous meses en Soutomaior e o 90% resolvéronse

Soutomaior
28 de agosto 2024

Segundo o balance facilitado polo Concello, o 10% das incidencias restante corresponden a cuestións que requiren máis tempo e medios para a súa resolución, ou cuestións para as que a app non está pensada e non poden resolverse

Manuel Lourenzo e Pablo Garrido mostran a App 'Meu Concello'
Manuel Lourenzo e Pablo Garrido mostran a App 'Meu Concello' / Concello de Soutomaior

A app ‘Meu Concello’ cumpre dous meses en Soutomaior e, a modo de balance, o Goberno Local sinala que recibiu 114 incidencias a través desta ferramenta e resolveu ou ten vía de resolverse preto do 90%. 

Trátase dunha ferramenta deseñada pola Deputación de Pontevedra e que o Goberno local emprega para que a veciñanza poida comunicar de forma áxil e directa os danos que detectan.

Segundo o balance facilitado polo Concello, o 10% das incidencias restante corresponden a cuestións que requiren máis tempo e medios para a súa resolución, ou cuestións para as que a app non está pensada e non poden resolverse.

O procedemento é moi rápido e sinxelo. A app ‘Meu Concello’ pode descargarse a través de Google Play ou App Store de forma gratuíta. A persoa usuaria selecciona o municipio de Soutomaior e xa pode comezar a utilizar o servizo, que é totalmente anónimo. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu a participación cidadá neste proxecto, que permite ao Concello coñecer estas pequenas problemáticas que se dan no municipio e así poder darlles solución o antes posible. "É imposible chegar de maneira inmediata a todas as incidencias, pero grazas a esta iniciativa podemos ter un mellor rexistro delas e así ilas atendendo todas", explica.

Lourenzo, acompañado polo concelleiro de Urbanismo e Obras, Pablo Garrido, animou a que máis veciños e veciñas descarguen a aplicación e fagan uso dela.

Esta aplicación é resultado da colaboración entre institucións e o alcalde destaca que trae beneficios e "busca unir esforzos en beneficio da veciñanza". En palabras do alcalde, "é un paso máis para mellorar a transparencia e axilizar a comunicación coa veciñanza".