A apertura de Tambo avanza co compromiso de Poio a asumir a titularidade da illa

Poio
29 de xaneiro 2021

As negociacións entre o Concello, o Ministerio de Defensa e Costas para a apertura ao público da illa continúan. O goberno local mostra a súa predisposición para asumir a vixilancia das praias, a restauración do espigón e a organizar actividades divulgativas

Unha muller sacando unha foto á illa de Tambo
Unha muller sacando unha foto á illa de Tambo / Juan Mejuto

Poio comprométese a asumir a titularidade da illa de Tambo. Todos os grupos que compoñen a corporación municipal apoiaron este paso, un trámite imprescindible esixido polo Ministerio de Defensa, actual responsable da illa, para continuar co procedemento administrativo e abrir Tambo ao público, unha demanda histórica da cidadanía de Poio.

"Este acordo plenario permite continuar avanzando nos estudos e actuacións para acadar o cambio de titularidade. Confiamos en que, se todo vai ben, sexa unha realidade moi pronto", sinalou o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís.

Na mesma liña pronunciáronse as portavoces dos outros dous grupos políticos, BNG e Avante Poio, que compoñen o goberno local, e que sinalaron que este "é un paso moi importante" para recuperar un territorio "emblemático" desde o punto de vista histórico, medio ambiental e turístico.

O Concello de Poio leva anos buscando a fórmula que permita a apertura da illa, pero foi en novembro do 2020 cando se deu un importante paso ao retomar os contactos con Defensa. Coa Dirección Provincial de Costas participando tamén nas negociacións, o Concello de Poio xa comunicou o seu compromiso de asumir a vixilancia das praias, así como da recuperación do espigón para facilitar as atracadas e visitas á illa.

O goberno local ten tamén pendentes outras iniciativas relacionadas con Tambo, como a celebración dunhas xornadas temáticas sobre a historia e riqueza da illa, que inclúe unha exposición elaborada polo arquitecto Sergio Portela que inclúe diferentes propostas para poñer en valor o enclave.

Arquivado en