A apertura de Raíña Vitoria, entre as dez condicións que pon o PSOE para apoiar os orzamentos municipais

Pontevedra
16 de novembro 2023

Os cinco concelleiros do grupo municipal do Partido Socialista presentaron este xoves o "decálogo" de propostas que piden ao Goberno local do BNG para apoiar os orzamentos do Concello de Pontevedra para o vindeiro ano. O total destas dez condicións suma 6.605.641 euros

Rolda de prensa do grupo municipal do PSOE
Rolda de prensa do grupo municipal do PSOE / PontevedraViva

Os cinco concelleiros do grupo municipal do Partido Socialista presentaron este xoves o "decálogo" de propostas que piden ao Goberno local do BNG para apoiar os orzamentos do Concello de Pontevedra para o vindeiro ano. O total destas dez condicións suma 6.605.641 euros, dos que 4,5 millóns van para o Capítulo 6 de investimentos.

Os edis socialistas compareceron en rolda de prensa logo de comunicar o seu "decálogo" ao Goberno local. O portavoz do PSOE, Iván Puentes, cre que "o que nos propoñemos é simplemente incorporar un 38% de medidas do Partido Socialista a ese capítulo 6 que se tivese habido un goberno de coalición en Pontevedra sería o que representaría o PSOE".

"Non pedimos nin máis nin menos que o que é xusto e o que o Partido Socialista representa dentro deste acordo", insistiu.

Máis polo miúdo, o PSOE quere sacar adiante o "Proxecto Revivir Raíña Vitoria" que consiste na transformación da antiga avenida nunha rúa de plataforma única, con preferencia peonil, paso restrinxido de vehículos e apertura dos Xardíns de Vicenti. Para este proxecto piden 2.500.000 euros. 

A outra proposta controvertida é incluir no orzamento unha partida de 420.000 euros para a renovación do chan da Alameda de Pontevedra "para acoller en mellores condicións a feira semanal nesta ubicación, así como diversos eventos, ao longo do ano".

"Nós non temos liñas vermellas neste acordo", dixo Puentes. O que espera a partir de agora o grupo socialista é "que pase o que en calquera negociación normal: sentarse, falar, discutilas e ver a posibilidade ou imposibilidade real de levar a cabo cada unha delas e en función de ata onde avancemos tomarase unha decisión".

"Non pedimos nin máis nin menos que o que é xusto e o que o Partido Socialista representa dentro deste acordo"

O Partido Socialista tamén quere a aplicación da primeira anualidade da nova relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Pontevedra que tería un custe de 645.150 euros e o incremento do persoal da Área de Benestar Social (2 traballadores sociais e 1 persoa con categoría de auxiliar administrativo) que custaría 150.000 euros.

Entre esas dez medidas que o Partido Socialista propón que se inclúa no orzamento municipal para o ano 2024 está a de duplicar o orzamento anual actual para o mantemento de colexios públicos consolidando un importe de 400.000 euros anuais para a futura licitación do novo contrato

Tamén pide o incremento do 50% no orzamento anual (360.982 euros) do Contrato de Pequenas Obras de Reparación e Acondicionamiento nas Vías Públicas Rurais de Pontevedra.

Insiste o Partido Socialista na súa "Estratexia Pontevedra Flúe" para que o novo orzamento contemple unha partida de 180.000 euros para a redacción de proxectos de execución das obras de renaturalización e recuperación das marxes do río Lérez entre a Ponte dos Tirantes e a AP-9, en Mollavao (parcela dos circos) e no antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio.

E unha aportación municipal de 510.000 euros para proxectos financiados con fondos europeos Next Generation como son a recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do río Gafos e a súa contorna (tramo I) e a Vía Verde Pontevedra-Portas, no tramo correspondente entre Pontevedra-Barro.

Outra demanda é a actualización do pago de subvencións anuais (cuns 300.000 euros) ás entidades deportivas, convocando en 2024 as axudas correspondentes ao período 2022-23 e 2023-24.

O PSOE tamén quere que o orzamento municipal inclúa un invertimento de 700.000 euros para a construción dun sistema urbano de drenaxe sostible que controle os desbordamentos no rego de Valdecorvos e evite inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo. E outro investimento de 420.000 euros destinado á mellora das zonas verdes en espazos públicos de Monte Porreiro Fase I (rúas Irlanda, Reino Unido, Luxemburgo e Alemaña).