Vestidos con bolsas azuis e con carteis que reclaman a marcha de Ence. Así apareceron as principais estatuas dos monumentos escultóricos da cidade durante este sábado 3 de outubro. A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) reivindicou esta actuación como fórmula de rebelión contra unha posible prórroga á concesión de Ence e Elnosa máis aló de 2018 na súa actual localización na ría de Pontevedra.
Segundo este colectivo ecoloxista a presenza de Ence neste espazo impediría definitivamente a recuperación do fondo da ría, tanto das praias como da posibilidade de ofrecer outras vías económicas para a comarca baseada na explotación de recursos naturais e do turismo.
Esta asociación indica que Ence está a realizar promesas e mentiras compradas e engade, a través dun comunicado elaborado por Xulio Carmona da xunta directiva da APDR, que as estatuas cubertas, como a de Valle Inclán, a dos Heroes de Ponte Sampaio ou a da fonte dos nenos, lembran con esta mensaxe que Ence provocou o paro de forma directa, indirecta e inducida.