Un ano máis a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) protagonizou este sábado a tradicional protesta en contra do complexo industrial de Ence en Lourizán.
Con dúas marchas, con saída desde as alamedas de Pontevedra e Marín, os manifestantes desprazáronse ata a fábrica para esixir a saída da factoría da súa actual ubicación e que non se lle conceda unha prórroga máis aló do 2018 como consecuencia da reforma da Lei de Costas.
Centos de pontevedreses secundaron as marchas, que contaron coa presenza de colectivos como as tres cofradías de Lourizán, San Telmo e Raxó, Plataforma 2018, SOS Panadeira ou Salvemos A Fracha, ademais de representantes do goberno local.
Entre eles o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recalcou que "a fábrica está ocupando un espazo que é de todos os pontevedreses", ademais de engadir que o goberno autonómico "está a facer todo o posible por consolidar o complexo onde está".
Pola súa banda Antón Masa, presidente da APDR, aseverou que "falta un ano menos para que a Xunta de Galicia teña que facer cumprir a lexislación".
Ademais Masa volveu a denunciar que "Ence segue incumprindo a normativa medio ambiental e a Xunta segue permitindo ese incumprimento", referíndose á polémica polos coliformes detectados nos vertidos da fábrica, extremo que a empresa negou: "poden dicir que mentimos ou o que queiran pero sempre que se fai un análise dos vertidos de Ence sempre hai coliformes", concluíu o dirixente da asociación.
ENCE DEFENDE O INVESTIMENTO AMBIENTAL REALIZADO EN PONTEVEDRA
Coincidindo coa marcha de protesta Ence remitiu un comunicado de prensa aos medios de comunicación para defender o investimento realizado para melloras de carácter ambiental no complexo de Lourizán.
Segundo a empresa pasteira, nos últimos tres anos investíronse 8,8 millóns de euros, ao que hai que engadir que "o impacto oloroso reduciuse nun 96%".
Ademais Ence sinala a redución do vapor que emana das chemineas e o concurso arquitectónico convocado para mellorar a integración paisaxística da factoría.