A APDR solicita unha reunión coa subdelegada de Goberno para saber se Ence cometeu un delito durante a marcha

Pontevedra
20 de xuño 2019

Á vista do ocorrido o pasado domingo 16 diante da fábrica de ENCE en Lourizán, a APDR non dubida en cualificar estes feitos de "antidemocráticos" e cren que mesmo puideran ser constitutivos de delito por "non permitir o normal desenvolvemento da manifestación"

Marcha contra Ence 2019
Marcha contra Ence 2019 / Diego Torrado

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) ten solicitado unha entrevista coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba á vista do ocorrido o pasado domingo 16 diante da fábrica de ENCE en Lourizán, ao remate da marcha contra Celulosas.

Segundo explican, "desde as instalacións fabrís de ENCE, activouse unha potente megafonía (instalada nunha furgoneta nas inmediacións da porta de acceso á fábrica) que, de forma reiterativa, emitía o himno da Galiza e consignas publicitarias co único fin de non permitir o normal desenvolvemento dunha manifestación que contaba cos permisos legais necesarios para levarse adiante"

A APDR non dubida en cualificar estes feitos de "antidemocráticos" e cren que mesmo puideran ser constitutivos de delito.

O presidente da Asociación pola Defensa da Ría, Antón Masa explicou que nese encontro coa subdelegada queren saber se a Policía Nacional ten levantado algún atestado ou interposto denuncia, "xa que os feitos perturbaron de forma grave o desenvolvemento da manifestación imposibilitando a lectura do manifesto final da mesma, e mesmo puideron provocar graves altercados, que non se produciron grazas á actitude cívica e pacífica das persoas que estaban exercendo o seu dereito a manifestarse, que lonxe de respostar ás continuas provocacións de ENCE e os seus traballadores, evitaron que un reducido grupo de persoas reaccionase de forma airada".

Para a APDR este comportamento da compañía pasteira "require dunha resposta por parte das autoridades gubernativas", e así o farán saber na entrevista coa subdelegada do Goberno, sen descartar tampouco que se poidan abordar outras temáticas relacionadas coa presenza de ENCE na Ría e da situación actual dos terreos que ocupaba Elnosa ata o pasado ano.