A APDR solicita a retirada do proxecto de ampliación da EDAR

Pontevedra
04 de decembro 2019

Segundo explicaron en rolda de prensa Antón Masa e Benito Andrade, a APDR solicita que se retire o proxecto de ampliación da EDAR e se inicie unha nova tramitación pola vía ordinaria de avaliación ambiental tendo en conta as propostas recollidas nas súas alegacións. Tamén piden que se modifique a proposta de autorización de vertido para a EDAR e o emisario submarino

Antón Masa e Benito Andrade, nunha rolda de prensa da APDR
Antón Masa e Benito Andrade, nunha rolda de prensa da APDR / Cristina Saiz

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ven de presentar alegacións tanto á ampliación da EDAR de Os Praceres como á proposta de autorización de vertido para esta depuradora e o emisario submarino.

Segundo explicaron en rolda de prensa Antón Masa e Benito Andrade, a APDR solicita que se retire o proxecto de ampliación da EDAR e se inicie unha nova tramitación pola vía ordinaria de avaliación ambiental tendo en conta as propostas recollidas nas súas alegacións. Tamén piden que se modifique a proposta de autorización de vertido para a EDAR e o emisario submarino.

Así, Defensa da Ría cuestiona o xeito de tramitar "pola vía simplificada" a Avaliación de Impacto Ambiental xa que entenden que debera facerse pola vía ordinaria posto que, na práctica, trátase de facer unha nova EDAR para un total de 302.400 habitantes.

O colectivo ecoloxista cre que a Xunta "xustifica a ampliación de forma tramposa", argumentando que as opcións alternativas serían facer depuradoras en cada un dos concellos ou "non facer nada, e seguir como ata agora, sen depuración na práctica". 

Segundo sinalou Antón Masa "nós entendemos que hai alternativas intermedias" como son: impedir a entrada de auga do mar á rede de saneamento; evitar as augas pluviais que van innecesariamente á EDAR; evitar a entrada de augas residuais que deberían depurarse "in situ" coma as do porto de Marín e dos polígonos industriais do Campiño e Ponte Caldelas; construír a EDAR de Poio e estudar a posibilidade de que Vilaboa depure as súas augas residuais noutra EDAR. 

Tamén consideran que, tomadas estas medidas, habería que mellorar a EDAR de Praceres "en base a tecnoloxías máis compactas" e citan coma exemplo a de Reactores Biolóxicos Secuenciais.

Otra das alegacións refírese á alternativa finalmente elixida para que se sitúe nos terreos que hoxe ocupa ENCE. "Non resulta serio falar duns terreos dos que non se dispón", comenta o presidente da APDR, Antón Masa, que lembra que eses terreos, de dominio público, "deberán devolverse ao estado no que se atopaban cando chegou a pasteira" e, en todo caso, "será Costas do Estado quen poida decidir ao respecto". 

Ademáis de outras cuestións coma que son terreos "expostos á inundación"  ou que a instalación da nova EDAR está afectada polo PXOM, polo Plan de Ordenamento do Litoral (POL) e polas Directrices de Ordenamento do Territorio (DOT).

Masa tamén engade que "ao noso entender, deberíase ter deseñado unha EDAR cuberta, para evitar ou paliar, cando menos os cheiros, a dispersión de patóxenos nos procesos de aireación, os ruídos e os impactos sociais e paisaxísticos". 

Finalmente destaca a APDR que coa alternativa elixida a contaminación bacteriolóxica "vai superar con creces os límites fixados pola normativa vixente para augas de baño e de cultivos mariños".

AUTORIZACIÓN DE VERTIDO 

Pola súa banda, Benito Andrade sinalou que a solicitude de autorización de vertido é "excesivamente confusa", porque se refire a distintas situacións temporais da EDAR e mesmo a distintos emisarios, cando "debería levar a tramitacións individualizadas e no momento pertinente para cada unha delas". 

Na APDR están en desacordo co trazado do emisario e co punto de vertido polo impacto sobre os bancos marisqueiros e os areais de Portocelo, Aguete e Mogor. 

E finalmente, Benito Andrade advirte que, de acordo co proxecto presentado, o novo emisario vai ser utilizado exclusivamente para verter as augas residuais urbanas tratadas na EDAR, mentres que aquelas procedentes de ENCE van continuar saíndo polo emisario actual, "unha proposta coa que non podemos concordar" posto que suporá "un beneficio para ENCE xa que as súas augas poden pasar a considerarse augas industriais tendo un mellor trato".