Un milleiro de persoas secundaron este domingo a marcha anual da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra contra Ence, que o ano pasado se suspendeu por mor da pandemia da covid-19 e este ano optou por unha convocatoria na que primou a distancia social e o uso de máscara. Neste regreso da convocatoria anual, a acción reivindicativa tivo a mirada dirixida á Audiencia Nacional, que ten pendente tomar unha decisión sobre a legalidade da prórroga concedida a empresa polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016.
"Á espera da decisión da Audiencia Nacional, esiximos que se faga cumprir a lei, se anule definitivamente a prórroga de 60 anos concedida ilegalmente a Ence no 2016 e consecuentemente que se decrete o fin da súa actividade da ría, obrigándolle -como esixe a lexislación- a devolver a zona ocupada á situación que tiña á chegada a Lourizán". Esta foi a petición dos manifestantes, aos que puxo voz a secretaria da APDR, Antía Mariño, diante da factoría de Lourizán.
A marcha partiu pasadas as 12.30 horas de xeito simultáneo das alamedas de Pontevedra e Marín, sendo, como é habitual, máis numerosa a columna de manifestantes pontevedreses. A pesar da importancia da convocatoria deste ano, co futuro de Ence a punto de decidirse nos tribunais, tivo unha asistencia similar á de anos anteriores. O presidente da asociación convocante, Antón Masa, interpreta que este ano a sociedade en xeral "está desmobilizada" e é algo que se nota "en todas as mobilizacións que se están a facer".
En todo caso, antes das saída da marcha desde a Alameda de Pontevedra restou importancia ao número de asistentes e insistiu en que á APDR "preocúpanos menos o número de persoas que se poidan mover hoxe ata Lourizán que o feito de que unha vez máis a nosa xente sinta a necesidade de irse ata Lourizán".
A convocatoria contou con amplo apoio político, en especial, desde as filas do BNG, coa presenza dos alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral; os deputados autonómicos Luís Bará e Manu Lourenzo; ou concelleiros pontevedreses como Anabel Gulías, Alberto Oubiña, Demetrio Gómez Xunqueira e Carme da Silva. Tamén acudiron o líder de Galicia en Común, Antón Gómez Reino; e o voceiro nacional de Anova, Antón Sánchez.
As dúas columnas coincidiron diante da factoría mentres no interior un grupo de traballadores da empresa tamén sacou a súa pancarta na defensa da permanencia da factoría na Ría de Pontevedra e dos seus postos de traballo.
No exterior, a marcha contou co ritmo habitual e estivo animada por un grupo de gaiteiros que tan só pararon o ritmo para dar paso á lectura do manifesto reivindicativo no que a asociación fixo un repaso pola historia de Ence a Lourizán e a oposición social que xa tivo hai 60 anos por parte das mariscadoras de Lourizán e Campelo.
O manifesto explicou que estaban ante a "contaminante e ilegal empresa" para reivindicar coa súa loita unha ría limpa, sen contaminación e na que o traballo derivado da explotación racional de recursos marisqueiros e pesqueiros sexa de novo a fonte de riqueza e traballo que hai tempo foi. Engadiu que se manifestaron para reivindicar tamén uns montes diversificados nos seus usos e quen de producir maior valor engadido e maior número de postos de traballo, uns montes nos que o eucalipto deixe paso a outras especies de maior interese social, ambiental e económico, e a outras actividades non forestais.
A APDR denuncia que Ence, "co apoio submiso do PP e a Xunta de Galicia" esixe a permanencia na Ría ata o 2073 "opoñéndose á lexislación vixente e exercendo presión sobre os maxistrados da Audiencia Nacional que teñen que dirimir esta cuestión". Ante esta situación, avisan de que denunciarán "as veces que faga falta" e loitarán "sen descanso" para impedir a continuidade de Ence en Lourizán.
O manifesto lembrou tamén que a "vergoñenta e ilegal prórroga de 60 anos", está recorrida ante da Audiencia Nacional pola APDR, polo Concello de Pontevedra e por Greenpeace "por considerala contraria á lei, pero tamén á lóxica, xa que, na práctica, supón a privatización dos terreos de dominio público que son propiedade de todas e todos nós".
Antón Masa reiterou a súa oposición a que "unha actividade que pola súa natureza non pode estar en dominio público poida seguir roubando aquilo que é de todas e todos nós" e insistiu en que van presentar recurso ante calquera decisión da Audiencia Nacional que non supoña a caducidade da concesión en 2018.