A APDR pide o peche cautelar de ENCE e a intervención da Fiscalía polas declaracións de Colmenares

Pontevedra
28 de febreiro 2021
Actualizado: 20:27

A Asociación pola Defensa da Ría, que preside Antón Masa, afirma que iniciaron os pasos para denunciar xudicialmente a situación da factoría de Lourizán e as declaracións de Ignacio de Colmenares por considerar que está a cometer un feito presuntamente delituoso

Antón Masa e Benito Andrade
Antón Masa e Benito Andrade / Cristina Saiz

A Asociación pola Defensa dá Ría (APDR), que preside Antón Masa, fai un chamamento a todas as administracións para que adopten decisións en relación á situación de Ence, tras a polémica difusión de parte dun vídeo de Ignacio de  Colmenares, presidente do Grupo Ence, alertando da posibilidade de "un susto maiúsculo ambiental que pode afectar as persoas" en relación coa fábrica pasteira situada en Lourizán.

#Ante estas declaracións, a APDR esixe ao Concello de Pontevedra, á Subdelegación do Goberno e á Xunta que inicien investigacións para coñecer o alcance da situación descrita polo presidente da empresa. E reclaman que se decrete, de forma inmediata, o peche cautelar da actividade industrial de Ence en Lourizán. 

Ademais, esixen tamén ao Ministerio Fiscal que asuma as súas competencias neste tema, ao entender que se trata dunha situación de gravidade e que pode derivar nun problema ambiental grave que pode afectar o persoal da fábrica e á poboación da contorna. Consideran que a Fiscalía debe actuar de oficio.

En todo caso, Antón Masa anuncia que iniciaron os pasos desde a asociación para denunciar xudicialmente a situación da empresa e as declaracións de Ignacio de Colmenares por entender que se trata dun feito presuntamente delituoso.

A asociación ecoloxista considera que as declaracións recoñecen que a empresa realizou presións aos máis altos niveis do Estado co obxectivo de modificar a Lei de Transición Ecolóxica e Cambio Climático en beneficio da entidade pasteira. Un feito que a APDR considera contraditorio cunha sociedade democrática na que as empresas non redactan as leis.

Para este colectivo o máis grave é que Colmenares admite que a "caldeira de recuperación" e outras instalacións da fábrica están nunha situación de inestabilidade que "en calquera momento pode darnos un susto maiúsculo medio ambiental que pode afectar as persoas". E a asociación incide en que isto se produce pola falta de investimentos por parte da dirección, o que podería incorrer en "implicacións penais".

A APDR afirma que desde finais de 2019 denunciaron situacións de ruídos e cheiros anormalmente superiores aos habituais e que teñen que ver co mal funcionamento da "inestable" caldeira. Afirman que estas escenas continúan pola actitude cómplice da Xunta de Galicia e alerta de que se poden converter en problemas de gravidade. Tamén se preguntan se o presidente autonómico Alberto Núñez Feijóo adxudicará parte dos fondos Next Generation a Ence despois das declaracións do máximo responsable da empresa.

Tras este comunicado da APDR, Ence emitía unha nova nota insistindo e asegurando que o complexo de Ence en Pontevedra é totalmente seguro.