A APDR pide a dimisión do presidente do Consello Consultivo se non "desminte" a "manipulación" do informe sobre os terreos de ENCE

Pontevedra
19 de xaneiro 2022

A APDR entende que a Xunta, o PP e o Comité de oficinas de Ence "están a utilizar este informe de forma ilegal" xa que afirman que o Consello Consultivo ve "viable" a integración dos terreos de Lourizán ao Porto de Marín incluíndo á propia fábrica pasteira cando "iso non o di en absoluto o informe", insistiu Antón Masa  

Rolda de prensa da APDR
Rolda de prensa da APDR / Mónica Patxot

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) denunciou a "manipulación" por parte da Xunta de Galicia e do Partido Popular do informe elaborado polo Consello Consultivo sobre as posibilidades legais de adscribir ao Porto de Marín os terreos de dominio público actualmente ocupados por ENCE en Lourizán.

Este mércores en rolda de prensa o presidente da APDR, Antón Masa, esixiu ao presidente do Consello Consultivo, Jose Luís Costa Pillado, que "salga ao paso desta situación publicamente ou, na súa falta, presente a súa dimisión".

A APDR enviou dous escritos ao presidente do Consello Consultivo en relación co citado informe explicándolle que estaba a ser "utilizado para conseguir algo que ía en contra das sentenzas da Audiencia Nacional e en contra da lexislación" e, por tanto, solicitábanlle "que non entrase ao xogo do Partido Popular e do señor Feijóo".

Estes escritos non tiveron contestación por parte do Consello Consultivo "non ten porque respostarnos", admitiu Masa, "pero tampouco actuou, que é o que debería ter feito".

A APDR entende que esta actuación da Xunta, o PP e o comité de oficinas de Ence "están a utilizar este informe de forma ilegal" xa que afirman que o Consello Consultivo ve "viable" a integración dos terreos de Lourizán ao Porto de Marín incluíndo á propia fábrica pasteira cando "iso non o di en absoluto o informe", insistiu Antón Masa.  

A Asociación pola Defensa da Ría afirma que esta "utilización" do informe non pode pasar desapercibida para o propio Consello que debería "desmentir" estas "manipulacións" e esixir un comportamento respectuoso con esa institución. 

Antón Masa lembrou que "non se pode tomar ningunha determinación nin administrativa nin xudicial para pasar por encima das sentenzas cando sexan firmes" e ademais "en ningún caso unha fábrica como a de Ence podería estar en terreos de Portos do Estado", algo que, segundo asegurou, "esta prohibido" pola Lei de Portos do Estado, entre outras.

"Están a crear a sensación de que iso é posible e están a enganar directamente á clase obreira de Ence que debe saber que para nada esa solución é viable", dixo Antón Masa. "Só esixíndolle á súa empresa un cambio de localización poderían chegar a ter unha solución en Galicia", concluíu o presidente da APDR.

Arquivado en