A APDR ofrécese para rozar a illa de Tambo

Poio
22 de marzo 2022

"Deste modo búscase previr incendios e limitar canto antes a propagación de especies invasoras coma son o eucalipto ou as acacias", afirma o colectivo ecoloxista

Illa de Tambo
Illa de Tambo / Mónica Patxot

Dende a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) pediron autorización ao Concello de Poio para visitar a illa de Tambo. 

Segundo explica o voceiro da APDR, Xose Rios Cidrás, o propósito desta visita consistiría en valorar o estado actual de conservación natural e paisaxístico da illa e da súa contorna natural.

Agora que o Concello de Poio traballa para que se aprobe a declaración de ENIL (Espazo Natural de Interés Local) de Tambo, dende a APDR "ofrecémonos a participar ou organizar unhas xornadas para rozar a broza que se acumula na illa". 

"Deste modo búscase previr incendios e limitar canto antes a propagación de especies invasoras coma son o eucalipto ou as acacias", afirma este portavoz.

Ademais, para a APDR, a recuperación da Illa como espazo natural "precisa da eliminación do principal foco de contaminación da ría, que segue sendo ENCE, que afecta de forma particular a Tambo co emisario por onde verte os residuos líquidos, que remata a poucos metros da cara oeste da Illa".

Remata o colectivo ecoloxista expresando o seu desexo de que a recuperación de Tambo sexa "un chanzo máis no reclamo e disfrute da ría de Pontevedra".

Arquivado en