Baixo o lema xeral "Non renunciamos a un futuro sen ENCE na Ría", a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), vén de convocar unha nova Marcha contra Celulosas para o domingo 18 de xuño ás 12 horas e, como de costume, con saída das alamedas de Marín e Pontevedra.
O presidente da APDR, Antón Masa, informou que esta nova mobilización enmárcase na liña de actuación iniciada coa edición anterior, na "loita polo futuro da comarca" que, segundo entende, é "un futuro que non ten volta atrás e que pasa inevitablemente pola saída de ENCE da Ría".
"Na Asociación Pola Defensa da Ría, non renunciamos a este futuro, e ningunha decisión xudicial arbitraria e inxusta como a recentemente ditada polo Tribunal Supremo nos vai impedir seguir loitando por recuperármolo", manifesta Antón Masa.
Nesta nova Marcha, a APDR quere transmitir á cidadanía "que seguen existindo moitas vías legais para impedir a perpetuación da empresa na nosa Ría", e que desde esta asociación ecoloxista "non imos regatear esforzos para utilizalas".
Antón Masa reitera que na APDR "mantemos íntegra a nosa convicción de que, chegado o momento, a Xustiza daranos a razón e confirmará a nulidade da prórroga de 60 anos a ENCE".
Nesta ocasión a propaganda editada para publicitar a mobilización fai referencia ao traballo realizado pola Escola Superior de Arquitectura da Coruña en colaboración coa APDRe o Concello de Pontevedra, "un excelente traballo que deixa patente que é posible recuperar a zona da Ría roubada no seu día pola Celulosa".
Por esta razón, Jorge Rodríguez, director da equipa redactora deste traballo, será a persoa encargada de ler o comunicado final na Marcha que rematará cunha festa na Alameda de Pontevedra.