A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) entende que o Partido Popular ten interese en manter a Ence e a Elnosa nas súas actuais localizacións en Lourizán e que quere facelo de forma "ilegal", segundo expuxo o presidente deste colectivo Antón Masa durante a mañá deste venres 11 de decembro. Ante esta situación, a agrupación ecoloxista estuda presentar unha denuncia por prevaricación contra o goberno de Mariano Rajoy se finalmente decide conceder a prórroga a algunha destas empresas nos próximos días.
Entenden que prevarica porque incumpre o título concesional xa que as verteduras de Ence superan 20 partes por millón de DBO (demanda biolóxica de osíxeno), segundo a APDR, desde que se instalou ata finais de 2014 e mesmo ao longo deste último ano. Antón Masa indica que o gabinete de avogados da asociación estudaría esta posibilidade de presentar unha demanda ao entender que o goberno adopta unha decisión "a sabiendas de que é inxusta".
Anxo Torres, integrante do colectivo, sinalou que nos últimos días membros da APDR acudiron a Bruxelas á Unión Europea por invitación da eurodeputada Lida Senra, de Alternativa Galega de Esquerda, en compañía de representantes de 18 asociacións, entre as que se atopaban a confraría de mariscadoras de San Telmo, a asociación de mexilloeiros da ría e da asociación polo saneamento dá ría pontevedresa que manifestaron que a permanencia de Ence en Lourizán supón unha hipoteca para o futuro ambiental e económico desta zona.
José Manuel Server, responsable de implementación de dereito ambiental da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Unión Europea, atendeu ás cuestións expostas por estes colectivos e entende que as verteduras da fábrica pasteira deben englobarse dentro da directiva europea de augas residuais urbanas, tal e como sostén a APDR, explicou Torres.
Antón Masa sinalou que Ence ten que cumprir con esta directiva para que se midan as súas emisións en miligramos por litro e non só a través de quilogramo por día como establece a autorización ambiental integrada. Desta forma, sinala que a pasteira incumpre a normativa da UE se se miden esas emisións en miligramos por litro e que desta forma non se debería prorrogar a súa actividade na actual localización.
O COMITÉ DE EMPRESA DE ENCE CRITICA A VIAXE DA APDR
Os representantes dos traballadores de Ence lamentan que en plena campaña electoral unha eurodeputada leve con gastos pagos a 18 asociacións a pasaren uns días en Bruxelas e que todo ese desprazamento se pague con diñeiro público.
Pregúntanse desde o comité se non tería sido mellor convidar ao eurodeputado a Galicia para contarlle o mesmo e aforrarlle ao erario público o diñeiro do desprazamento, por exemplo, das 3 persoas da APDR que asistiron. Ademais pídenlle ao colectivo ecoloxista que reflexione sobre se "o desprazamentos en campaña electoral feito en avión que queima combustibles fósiles e emite CO2 é sumarse á loita de todos contra o cambio climático".
Antón Masa evitou pronunciarse sobre este comunicado.
REACCIÓN DA EMPRESA
ENCE, pola súa parte, pídelle nun comunicado á APDR que deixe de facer política cos postos de traballo: "Agora sabemos que lles parece ético viaxar a Bruxelas con cargo ao erario público para reunirse cunha eurodeputada galega que dous días despois estaría en Galicia, e cun funcionario da Comisión Europea que no pouco tempo que lles puido adicar tivo que escoitar os discursos de máis de 20 persoas".
Indican que, ademais, a APDR volve sobre a idea de que Ence debe cumprir normas que non lle afectan e alega que a última vez que lle quitaron a razón foi nunha sentenza de febreiro deste ano do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Apuntan ademais que as augas residuais urbanas son diferentes das augas residuais industriais e ese aspecto está avalado polo TSXG e pola Comisión Europea.