A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) reclamará á Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Transición Ecolóxica que se elimine o impacto do emisario submarino na contorna da Illa de Tambo.
A preocupación do colectivo ecoloxista ven polo uso que fará a fábrica de Ence do vello emisario submarino. Segundo informa Xosé Ríos, vogal de Poio na Xunta Directiva da APDR, "ao noso entender, e mentres non se produza o desexábel peche da súa actividade en Lourizán, os seus efluentes teñen que saír á Ría polo novo emisario".
Neste sentido, na APDR pregúntanse "que razón pode levar á Xunta a permitir o uso do vello emisario a Ence?".
A Xunta limita o uso do novo emisario aos vertidos da EDAR de Os Praceres, mantendo en uso o vello para a fabrica pasteira, "unha decisión que na APDR consideramos absolutamente desafortunada".
Di a APDR que "manter nesa zona as elevadas concentracións de materia orgánica e coliformes vertidas pola empresa, supón continuar danando os hábitats mariños e, entre eles, os humedais costeiros e as colonias de algas alí existentes, ecosistemas todos eles moi vulnerábeis".
Para Defensa da Ría, "a propia Administración atenta contra o medio, permitindo que Ence continúe degradándoo", por iso entenden que "carece de sentido" que a flota artesanal das confrarías do fondo da ría teña cupos cada vez máis reducidos e vedas temporais cada vez máis longas "porque Bruxelas esixe a conservación das especies pesqueiras e do ecosistema mariño".
"A Xunta de Galicia ten a obriga de garantir esta conservación, e a cidadanía o deber de esixírllelo", di Xose Ríos.