A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e o colectivo Vaipolorío recibiron hai uns días unha invitación da empresa ENCE para que o colectivo participe nun "espazo de encontro permanente" co obxectivo de sumar esforzos para a recuperación da calidade das augas da ría, unha proposta que na APDR non dubidan en enmarcar "na actual campaña publicitaria coa que a empresa pasteira pretende lavar a súa mala imaxe entre a poboación da comarca".
Nun comunicado difundido polos ecoloxistas de Defensa da Ría sinalan coma "pretencioso" que os directivos da empresa pasteira "se arroguen unha autoridade da que carecen"; polo que cuestionan a "lexitimidade" que teñen para convocar unha mesa para o saneamento da ría "quen contribúe de forma decisiva á súa destrución".
A APDR cre que a responsabilidade neste terreo correspóndelle ás administracións.
Tamén consideran "insultante", que unha empresa "que non amosou ningún respecto pola poboación da comarca, que nin sequera paga os seus impostos en Pontevedra, que durante moitos anos non fixo ningún esforzo por reducir o impacto dos seus vertidos á Ría e que sigue incumprindo a Directiva 91/271/CEE pondo en perigo a calidade das augas da Ría e os postos de traballo da xente do mar, pretenda agora erixirse no lider do seu saneamento".
Finalmente desde a APDR queren "deixar ben claro" que no van participar nesta "cerimonia da confusión" que, ao seu xuízo, "só ten por obxectivo lavar a cara dunha empresa ilegal, condenada por delito ecolóxico continuado e por danos á saúde das persoas e que vén incumprindo de forma sistemática a lexislación ambiental".
VAIPOLORÍO
Pola súa banda Vaipolorío lembra que desde a súa constitución como asociación ambiental loitou contra a presenza de Ence na súa actual localización, manifestándose publicamente con tal motivo.
Ademais na actualidade forman parte do movemento "Ence fóra para sempre" asegurando estar "convencidos" de que a prórroga na ría non é definitiva e sentíndose "enganados" porque tiñan a "esperanza de que o 2018 chegase algún día".
Finalmente considera Vaipolorío que a paisaxe é "parte inseparable do medioambiente e do territorio" polo que non comparte outras "fórmulas estéticas" que pasan por "esconder ou disimular o que a natureza creou en séculos, con moito e sabido acerto e bo gusto".
Por todo iso tamén renuncian a participar nesta iniciativa que promove a empresa pasteira.