A APDR critica que os socialistas cedan "ás esixencias de ENCE" modificando a Lei de Cambio Climático

Pontevedra
30 de abril 2021

Esta semana o Senado aprobou a Lei de Cambio Climático cunha emenda de Cidadáns que modifica o polémico artigo 18.4 relativo ás concesións no dominio público marítimo terrestre co fin de aclarar que non haberá efecto retroactivo

Antón Masa e Benito Andrade
Antón Masa e Benito Andrade / Cristina Saiz

Esta semana o Senado aprobou a Lei de Cambio Climático cunha emenda de Cidadáns que modifica o polémico artigo 18.4 relativo ás concesións no dominio público marítimo terrestre co fin de aclarar que non haberá efecto retroactivo.

Agora o texto devolverase ao Congreso dos Deputados para culminar a súa tramitación lexislativa, antes da súa remisión definitiva ao Boletín Oficial do Estado.

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) sinala a súa sorpresa por este cambio despois de que "até onte mesmo, o Goberno e o PSOE, coa Ministra Ribera á cabeza, deron a batalla -mesmo de forma encarnizada, ás veces- por defender a Lei na súa formulación orixinal, sen admitir ningunha das emendas ao artigo 18, por consideralas innecesarias". 

Sen embargo, no pleno do Senado, onde o PSOE ten unha maioría máis ampla que no Congreso, o texto do proxecto foi aprobado con dúas modificacións que afectan ao artigo 18.4 e aos prazos de permanencia das concesións en dominio público marítimo-terrestre, o que, para a APDR "supón aceptar as esixencias de ENCE e a Xunta que tiñan rexeitado sistematicamente".

O colectivo ecoloxista sinala pregúntase que razón puido levar ao Partido Socialista neste caso "a modificar os criterios defendidos con tanta vehemencia poucos días antes". "Que contrapartida se agocha detrás desta concesión a Ciudadanos, o partido que presentou a emenda ao artigo 18? Poida que en breve teñamos a resposta… Tempo ao tempo!", di nun comunicado o presidente da APDR, Antón Masa.

SOCIALISTAS

Pola súa banda o Partido Socialista empraza ao PP a rectificar no Congreso o seu voto en contra da modificación da Lei de Cambio Climático.

O coordinador da Interparlamentaria do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento, Pablo Arangüena, explicaron que o novo texto cambia a expresión "actos ditados" por "actos que se diten", seguindo a liña suxerida polo Consello de Estado e "eliminando calquera tipo de dúbida sobre a súa irretroactividade sobre as concesións de actividade na costa". 

Apuntaron que "o goberno galego debera estar moito máis tranquilo logo da campaña de presión contra este artigo", que agora "carece de sentido". Ademáis alertaron de que a "estratexia de confrontación a calquera prezo" do Goberno de Alberto Núñez Feijóo "pon en risco a todo un sector xerando unha profecía autocumprida, xa que desincentiva ao investimento e provoca que o capital fuxa".