A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) critica que "a fábrica de ENCE en Pontevedra fai gala de non pechar a produción" en plena crise provocada pola presenza do coroavirus. Nunha actitude "inexplicable e inaceptable" que, para este colectivo ecoloxista, "demostra unha vez máis a falta de respecto de Ence polos problemas que afectan ao conxunto da cidadanía, que se traduce sempre na defensa do seu exclusivo interese fronte ao interese xeral".
Nun comunicado a APDR destaca que o comercio local, as pequenas empresas, os autónomos, e mesmo empresas que "teñen un peso infinitamente superior na nosa economía que a fábrica de Lourizán" coma o sector da automoción, "teñen respondido ao chamado en defensa da saúde e a vidas das persoas".
Defensa da Ría cre que ao manter a súa actividad a fábrica pasteira "pon en risco a saúde dos seus traballadores e a do conxunto da poboación da comarca". "Claro que ENCE ten demostrado en moitas ocasións o pouco que lle preocupan os seus traballadores", engade a APDR.
Esta asociación tamén lamenta "que os traballadores de ENCE apoien a decisión da empresa" para "evitar a posible perda dos seus postos de traballo", un risco que, segundo a APDR "asume o conxunto da clase traballadora neste país en aras ao ben común".
Por último, dende a APDR instan aos sindicatos e aos traballadores de ENCE "para que modifiquen esta situación e actúen solidariamente co resto da clase traballadora obrigando á empresa a decretar o fin da produción en tanto se manteña esta situación de crise".