A APDR critica a "complicidade submisa do goberno galego" con ENCE no Pacto Ambiental

Pontevedra
31 de xullo 2016

"Pacto ambiental ou conivencia institucional?". Esta é a pregunga que se fai a asociación a raíz do Pacto. O seu presidente, Antón Masa, considera que se trata dun "acto propagandístico" da empresa, que persegue xustificar a súa permanencia en Lourizán máis aló do 2018 

Marcha da APDR contra ENCE 2015
Marcha da APDR contra ENCE 2015 / Daniel Santomé

"Pacto ambiental ou conivencia institucional?". Esta é a pregunga que se fai a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) tras ter coñecemento a través dos medios de comunicación do novo pacto ambiental asinado entre a Xunta de Galicia e a empresa Ence. O seu presidente, Antón Masa, considera que se trata dun "acto propagandístico" da empresa, que persegue xustificar a súa permanencia en Lourizán máis aló do 2018 e conta coa "complicidade submisa do goberno galego", que comparte coa fábrica intereses económicos e familiares.  

A APDR amósase moi crítica tanto coa empresa como coa Xunta de Galicia. Do goberno autonómico considera "insultante" que acepte a participación da empresa nas obras da depuradora e na reparación do Pazo de Lourizán, unhas actuacións que tería que asumir a administración, "a cambio de mirar para outro lado no que fai aos incumprimentos ambientais de ENCE".

Na opinión da APDR, Ence, en todo caso, tería que investir na súa depuradora para "acadar os niveis esixidos na lexislación" en materia de verteduras e, se quere ter un centro de investigación forestal, "que non sexa á costa do erario público". Segundo o seu punto de vista, "na práctica, Ence vaise facer co control do Pazo de Lourizán", un edificio singular e patrimonio público, "por unha cantidade económica que semella ridícula". 

En relación co compromiso de Ence de destinar 30 millóns á construción e posta en marcha dunha nova central de biomasa e tres novos centros de bioenerxía en distintos puntos da comunidade autónoma, Antón Masa considera que, en realidade, o que significa é "aumentar a contaminación en Lourizán e afondar no proceso de degradación dos montes galegos", todo "coa conivencia interesada da Xunta de Galicia"..

Tamén o compromiso de Ence de conseguir unha fábrica que sen cheiros, sen vapor e que non solte auga ao mar nin faga ruído provoca críticas da APDR. "Lembran que xa no ano 1967, Ence tiña resolto o problema dos cheiros? que tiña deixado de cheirar e acadado o 'olor cero'?", pregúntase Antón Masa. E diríxese ao conselleiro delegado de ENCE, Ignacio de Colmenares, para decirlle que "se realmente quere levar adiante estas promesas, non ten máis que parar de forma definitiva a actividade industrial en Lourizán".

Con todo, na opinión da APDR, o que fai Ence é "compra de vontades, de estómagos agradecidos" e "dividir á poboación ofertando migallas entre os colectivos sociais". O colectivo ecoloxista entende "os motivos que levan aos escasos colectivos sociais presentes no acto da sinatura do amentado 'pacto ambiental' a amparar a política propagandística de Ence", pero anímaos a que "recapaciten e non acepten a súa chantaxe", pois outra posición "non fai máis que afondar na división social hoxe existente na cidadanía da comarca" e, ao tempo, no "desprestixio" dos seus colectivos entre "boa parte desa cidadanía que aspira, lexitimamente, a recuperar a ría para o que é a súa vocación natural".

Arquivado en