A decisión da Xunta de Galicia de conceder unha prórroga dun ano a Elnosa para que siga producindo ata finais do ano 2017 provocou que a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) convocase unha concentración ante a sede do Partido Popular provincial, no espazo diante da Audiencia de Pontevedra. Será o vindeiro venres 30 ás 20.30 horas.
Desde a APDR alertan de que tentarán impedir que leve a cabo esta decisión e van actuar tanto pola vía administrativa como pola xudicial. Ao mesmo tempo, apuntan que van insistir na necesidade de declarar a caducidade da concesión de Elnosa, un proceso aberto hai xa varios meses. O colectivo que preside Antón Masa sinala que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy está a actuar con absoluta falta de transparencia.
A asociación ecoloxista apunta que o PP non tivo o valor de facer pública esta decisión antes das eleccións do pasado 25 de setembro. Afirman que a actividade de Elnosa é ilegal por non cumprir os prazos fixados pola Unión Europea para abandonar o uso do mercurio na produción do cloro e da eslamiada, ademais de perigosa para a ría e para a cidadanía.