A APDR convoca este sábado 21 a marcha en contra da concesión dunha prórroga a Ence

Pontevedra
17 de xuño 2014

A Asociación pola Defensa da Ría conta co apoio das confrarías de Pontevedra, Raxó e Lourizán para esta marcha que se iniciará o sábado 21 ás 19:30 dende as alamedas de Marín e de Pontevedra

Representantes da APDR con membros das confrarías de Pontevedra e Raxó
Representantes da APDR con membros das confrarías de Pontevedra e Raxó / PontevedraViva
A APDR fai unha chamada en contra da prórroga de Ence en Lourizán /

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) convoca unha nova marcha para este sábado 21 en contra da continuidade do complexo industrial de Ence na ría de Pontevedra. A marcha partirá ás 19:30 das alamedas de Pontevedra e de Marín para coincidir ante a fábrica pasteira.

O presidente da APDR, Antón Masa, facía un chamamento aos cidadáns para que se manifesten en defensa da dignidade da sociedade civil para intentar impedir que o goberno do Partido Popular chegue a conceder durante os próximos meses unha prórroga a Ence en Lourizán por 50 anos máis.

Ademais, Masa indicou que a Xunta ten aberto un expediente pola presenza de coliformes procedentes de verteduras no muro da ría e dende a asociación ecoloxista agardan que a administración autonómica ofreza datos deses informes e que actúe contra a fábrica, xa que entenden que as filtracións se producen dende as balsas de decantación da empresa pasteira. Isaac Querejeta, representante da confraría de Raxó, afirmaba que esta situación afecta a todos os sectores que viven do marisqueo na ría pontevedresa. Tanto o pósito do concello de Poio coma os de Pontevedra e Lourizán apoian esta marcha contra Ence.

Antón Masa chegou a afirmar que se a administración non actúa contra Ence é porque existe "connivencia e dependencia" e apuntou, sen chegar a ofrecer nomes, que o colectivo está a comprobar os posibles lazos familiares entre directivos da entidade privada e representantes ambientais da Xunta de Galicia. Segundo indicou o presidente da APDR, en caso de que exista esa relación "nós entendemos que a persoa da Xunta que manteña esa relación familiar estaría incapacitada para exercer o cargo que está exercendo".

RESPOSTA DO CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE

O aínda conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, non quixo entrar a valorar esta suposta vinculación que denuncia APDR, pero si recordou a "incoherencia histórica" deste colectivo con respecto ao complexo industrial de Lourizán. Fronte a iso, sinalou, a Xunta de Galicia actuou sempre "con acreditada seriedade" e cunha postura "totalmente clarificada".

Neste sentido, avanzou que o futuro de Ence é unha "cuestión de goberno" e recordou que os tempos da empresa con respecto á prórroga da súa concesión administrativa "non son os da Xunta". Este asunto, concluíu, será un asunto que aborde o seu "sucesor ou sucesora" á fronte da Consellería "baixo as directrices do presidente da Xunta e as liñas mestras do partido".