O vindeiro domingo día 19 de xuño ás doce do mediodía sairá a 'Marcha contra celulosas' que organiza cada ano a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e que partirá de maneira simultánea das alamedas de Pontevedra e de Marín.
O lema deste ano é: "Ence xa é pasado. Cumpre agora loitar por recuperar o futuro!" polo que o colectivo ecoloxista propón esta mobilización como un acto festivo, "unha demostración do noso optimismo", e a "celebración da vitoria cidadá fronte a Ence e quen, como a Xunta e o PP, insisten en perpetuar un modelo fracasado e o desastre ambiental e social que ten provocado".
O presidente da APDR, Antón Masa, explicou este martes en rolda de prensa que a 'Marcha contra celulosas' deste ano "vai ser distinta" porque a saída de Lourizán da fábrica de pasta de papel "xa non ten volta atrás" e a partir de agora "empezaremos a recuperar o noso futuro", que segundo indicou, é o que tiña ría "pero que quedou cortado" cando en 1958 o goberno franquista autorizaba a instalación da celulosa.
"Levamos moito tempo loitando porque isto fose unha realidade e nós entendemos que xa se conseguiu a partir da vitoria xudicial na Audiencia Nacional", afirmou Antón Masa. Na APDR están convencidos de que "o Tribunal Supremo non pode fallar de forma distinta" e en base a estes postulados fixeron a súa propaganda.
O cartel que publicita a 'Marcha contra celulosas' foi debuxado pola artista local, Rosa Fernández Caamaño, profesora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, e recolle esa idea de "un pasado escuro con Ence e un futuro brillante e luminoso sen a fábrica".
O día anterior á manifestación, o sábado 12 na Praza da Peregrina, a APDR organizará un taller de construción de papaventos reciclando as bandeiras da asociación para que as persoas que acudan ao día seguinte á marcha as fagan voar.