A APDR considera "inadmisible" o informe de ENCE que descarta o traslado da fábrica

Pontevedra
12 de xullo 2021

O colectivo ecoloxista afirma que este informe é "un novo intento de chantaxear á poboación e ás distintas administracións para tratar de conseguir por esta vía algo que a Lei prohibe expresamente", a permanencia dunha fábrica de pasta de papel en terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre

Marcha da APDR contra ENCE 2021
Marcha da APDR contra ENCE 2021 /

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) considera "inadmisible" o Informe presentado pola empresa ENCE e realizado pola Consultora IDOM que conclúe que é "inviable" trasladar a fábrica de Lourizán.

O colectivo ecoloxista afirma que este informe é "un novo intento de chantaxear á poboación e ás distintas administracións para tratar de conseguir por esta vía algo que a Lei prohibe expresamente", a permanencia dunha fábrica de pasta de papel en terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre.

A APDR lembra que a Consultora IDOM é a mesma que elaborou o informe que ENCE enviou no seu día á Audiencia Nacional e sinala que "nunca esta falta doutro emprazamento viable debería implicar a autorización para seguir en Lourizán" e engaden que a Lei de Costas "é moi clara" e reserva este espazo público a aquelas que "pola súa natureza" teñan que estar en terreos demaniais algo que, ao seu xuízo, non se cumple no caso da pasteira.

Dende Defensa da Ría tamén sinalan que a propia IDOM recoñece que o actual emprazamento de ENCE en Lourizán "non se axusta ás normas legais, xa que incumpre as Directrices de Ordenación do Territorio ditadas polo Goberno galego". 

Tamén inciden en que "resulta evidente" que, de construirse unha nova fábrica de pasta de papel na Galicia, as súas características deberían ser ben diferentes ás da actual, con "importantes modificacións no sistema produtivo" que "afectan a algún dos requisitos considerados por IDOM á hora de buscar novo emprazamento e que, porén, non se tiveron en conta" como as necesidades de superficie, auga, e mesmo enerxía, que "deberían ser moi inferiores ás que hoxe ten a fábrica de ENCE".

Finalmente a APDR afirma que "resulta unha burla para quen vimos soportando desde hai demasiados anos a presenza de ENCE en Lourizán, que á hora de rexeitar novos emprazamentos se teña en conta algún criterio que -é o caso do impacto ambiental, paisaxístico ou a densidade de poboación- non se considera para desbotar a presenza de ENCE na nosa Ría". 

Por iso preguntan os ecoloxistas "Que razón pode levar a que a cidadanía da nosa comarca teña que soportar uns impactos que non se consideran aceptábeis noutras localizacións? "

 

Arquivado en