A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) congratulouse da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que ratifica a denuncia interposta no ano 2014 pola Comisión Europea contra o Estado polo tratamento das augas residuais vertidas na Ría de Pontevedra.
A resolución reprocha ao Estado español polo incumprimento da Directiva 91/271/CEE que obriga a garantir o tratamento rigoroso das augas da Ría, declarada como zona sensible, do que APDR recorda que ten a súa orixe nunha queixa interposta por esta asociación no ano 1999, que foi "sistematicamente boicoteada e retrasada desde a Xunta de Galicia" e inclúe os vertidos da empresa ENCE á que –de acordo coa citada Directiva- "hai que considerar coma unha aglomeración de máis de 10.000 equivalente-habitante na nosa Ría".
A APDR insiste en que o saneamento da Ría de Pontevedra e a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos "non vai ser posible en tanto non se eliminen as verteduras ilegais, se depuren de forma correcta a totalidade das augas residuais domésticas, e se elimine a vertedura do complexo Ence-Elnosa".
Ao respecto, critica que o goberno de España, "lonxe de acometer a resolución deste problema, agrávao" ao conceder "de forma inxustificada e cunha falta absoluta de ética", unha prórroga de 60 anos a Ence, unha situación que "impedirá o verdadeiro saneamento integral" da Ría.
Ademais, recorda que o marco xurídico da sentenza recolle que cando se fala de augas residuais urbanas, estase a falar das augas de orixe doméstica, pero tamén daquelas industriais que saen ao medio mesturadas con augas de tal consideración (é o caso das verteduras de Ence que chegan á Ría xunto cos vertidos domésticos de Pontevedra, Poio e Marín).
Indica tamén que a contaminación orgánica e microbiolóxica (bacterias coliformes) das augas da Ría ten a súa orixe tanto na falta de depuración das augas de vertido de orixe doméstica coma das procedentes da empresa Ence. Neste sentido, a APDR esixe que na Autorización Ambiental Integrada da citada empresa se contemplen esixencias de vertedura relativas a coliformes fecais e totais.