A APDR chama a "manter unha actitude contraria" fronte a aqueles que "colaboren con Ence"

Pontevedra
14 de novembro 2016

A raiz do denominado Pacto Social polo que a empresa pasteira comprometeuse a destinar tres millóns de euros ao ano a colectivos sociais durante o tempo que dure a súa concesión a APDR anima a que "cada cal discorra a mellor forma e as mellores vías para facer saber que o apoio a Ence ten uno custo social"

Marcha da APDR contra ENCE 2015
Marcha da APDR contra ENCE 2015 / Daniel Santomé

A Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR) chama "manter unha actitude contraria" fronte a aquelas persoas, colectivos ou asociacións que "colaboren con Ence".

A raiz do denominado Pacto Social polo que a empresa pasteira comprometeuse a destinar tres millóns de euros ao ano a colectivos sociais durante o tempo que dure a súa concesión, a asociación ecoloxista emitiu un comunicado no que apelan a todas as persoas que rexeitan a presenza de Ence e de Elnosa "a expresar e manter unha actitude contraria a quen colabore con Ence, e a non participar en actividades, comprar produtos ou asistir a eventos que conten con publicidade desta empresa contaminante e destrutora da Ría, dos nosos montes e da nosa saúde".

"Que cada cal discorra a mellor forma e as mellores vías para facer saber que o apoio a Ence ten un custo social", anima a APDR.

Desde a APDR esixen que as institucións públicas non colaboren "en ningún momento " con Ence, "que retiren o seu apoio económico e de calquera tipo" a aqueles eventos nos que Ence colabore, e que fagan saber a persoas, asociacións, empresas ou clubs "que deixarán de colaborar con quen acepte participar no lavado de imaxe da empresa ".

Finalmente fan desde Defensa da Ria un chamamento a todo tipo de asociacións, clubs e colectivos a non aceptar subvencións ou patrocinios por parte de Ence e a entender que "non poden vender a súa alma ao diaño por uns poucos cartos e abandonar unha responsabilidade social e ambiental que tamén teñen".

"Sabemos da dificultade de conseguir financiamento, pero as iniciativas e proxectos sociais deben sosterse cos recursos propios, co financiamento público e, no seu caso, cos apoios de entidades privadas que demostren responsabilidade ambiental, económica e social", sostén Defensa da Ría.