A APDR celebra o fin da concesión a Elnosa

Pontevedra
29 de xullo 2018

O colectivo ecoloxista mantivo a festa programada para este domingo 29 de xullo, data na que conclúe a concesión da empresa química en Lourizán, esperando o cesamento definitivo da súa actividade como un primeiro paso cara a "un futuro de progreso que só pode existir na comarca no momento que desapareza o complexo Celulosas-Elnosa"

A APDR reparte lazos verdes pola fin da concesión de Elnosa
A APDR reparte lazos verdes pola fin da concesión de Elnosa / Diego Torrado

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) mantivo este domingo 29 de xullo a festa programada para celebrar o fin de Elnosa na súa actual localización, ao ser a data na que conclúe a concesión de terreos de Costas á empresa química.

Celebrouno pese ao anuncio da subdelegada do goberno de que o peche estaba en suspenso ao existir un expediente administrativo aberto sobre a caducidade na concesión que aínda debe resolverse, xa que "entendemos que non deberiamos deixar pasar esta data, a data en que Elnosa debe pechar a súa actividade industrial", explicou Antón Masa.

Para o presidente da APDR non ten lugar atrasar o peche, xa que "Elnosa hoxe queda sin o que se chama título habilitante para traballar en Lourizán e se non pode traballar en Lourizán, a que ven continuar un expediente?", pregúntase.

En todo caso Masa entende que esta data supón un primeiro paso para "un futuro tanto no social, no ambiental como no económico que só pode existir na comarca no momento que desapareza o complexo Celulosas-Elnosa".

Por eses motivo membros do colectivo e simpatizantes, entre os que se atopaban membros do goberno local como a alcaldesa en funcións Carme da Silva, reuníronse ás 19:00 horas na Praza da Peregrina, desde onde se dividiron en pequenos grupos polas rúas próximas repartindo lazos verdes nos que se podía ler a palabra 'agora' simbolizando o fin do complexo industrial de Lourizán e "un futuro verde de progreso para a ría".

Despois desta acción, a xornada finalizou na Sala Karma cunha pequena festa da asociación amenizada polo concerto da cantautora local Palito.

Arquivado en