A APDR apoia a manifestación das mariscadoras da Ría de Pontevedra

Pontevedra
25 de abril 2024

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ven de mostrar o seu apoio á manifestación convocada para o vindeiro martes, 30 de abril, polas mariscadoras do fondo da ría para lanzar un SOS pola súa actividade e reivindicar a "dignidade laboral" do sector marisqueiro tradicional

'Marcha contra Celulosas' convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)
'Marcha contra Celulosas' convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) / Cristina Saiz

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ven de mostrar o seu apoio á manifestación convocada para o vindeiro martes, 30 de abril, polas mariscadoras do fondo da ría para lanzar un SOS pola súa actividade e reivindicar a "dignidade laboral" do sector marisqueiro tradicional. A protesta iniciarase no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo ás 10.30 horas e finalizará diante da Subdelegación do Goberno na Praza de España.

A APDR sinala como "altamente preocupante" a situación que atravesa o sector nas rías galegas en xeral e nas Rías Baixas de forma particular.

Segundo sinalan, "como consecuencia de múltiples factores" como: climáticos, ambientais e derivados da contaminación, ademáis dunha "mala xestión ambiental por parte da Administración galega", a ría está a sufrir a desaparición das especies de maior valor comercial, a caída da produción e dos ingresos económicos, unha situación que "de non se poñer remedio de forma inmediata" pode facer desaparecer a este sector.

Desde a APDR teñen apoiado recentemente o chamado "Plan de actuación na defensa do noso mar" para salvagardar o marisqueo, a pesca artesanal e a acuicultura extensiva, ademáis "loitamos polo saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra" e, por esta razón, dan agora tamén o seu apoio á manifestación das mariscadoras.

"Entendemos absolutamente prioritario abordar dunha vez por todas o problema da calidade das augas da Ría, o seu saneamento integral, e a rexeneración dos bancos marisqueiros, o que implica o control exhaustivo de todas as verteduras á Ría e aos ríos que a conforman", manifesta Defensa da Ría.

A APDR tamén sinala que nesta situación "hai unha clara responsabilidade da Xunta de Galicia" que, "coñecedora da incidencia do cambio climático, os incendios forestais e a contaminación sobre a situación dos bancos marisqueiros, preferiu mirar cara outro lado".

Así as cousas, esixen o control e a depuración eficaz de todos os vertidos de orixe doméstica e a eliminación daqueles vertidos industriais que poidan entrar en colisión co obxectivo perseguido.

Neste sentido, a APDR pregunta, "canto tempo se vai seguir negando o dano destes vertidos á Ría? Canto tempo pechando os ollos á evidente responsabilidade dos vertidos de ENCE na situación da nosa Ría?".