A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) anuncia accións legais "contra calquera posible prórroga a Elnosa" para que continúe utilizando mercurio para producir cloro na súa fábrica de Lourizán máis aló do 11 de decembro deste ano vulnerando así a Directiva de Emisións Industriais (DEI) que obriga a acabar antes desa data con esta práctica.
Segundo explicou o presidente deste colectivo ecoloxista, Antón Masa, a intención é presentar ante a administración autonómica dous informes da Unión Europea nos que rexeita de maneira tallante calquera moratoria coa finalidade de que na Xunta "non poidan alegar descoñecemento da norma da Unión Europea e por tanto admitirían que están prevaricando se toman esa decisión de prorrogar".
Antón Masa indicou que "mesmo antes" de que Elnosa solicite esa prórroga "podemos pedir formar parte de calquera procedemento que se abra nese sentido".
Na APDR consideran que o Partido Popular "concedeu de maneira fraudulenta e vergoñosa" o pasado ano unha prórroga de 60 anos á fábrica de pasta de papel de Ence en Lourizán e apuntan que agora "parece estar disposto a saltarse de novo a lexislación" e prorrogar tamén o uso de mercurio na electroquímica Elnosa.
De levar a adiante esta operación, afirma Defensa da Ría que "sería un novo chanzo na escalada de corrupción ambiental que o PP vén desenvolvendo na ría".
Ademais da vía xudicial a APDR aposta pola mobilización social e neste sentido o primeiro paso van dar na nova "Marcha contra celulosas" que este ano se centrará na esixencia do desmantelamento de Elnosa "como paso previo ao peche definitivo do complexo industrial de Lourizán".
Co lema "Hoxe Elnosa, mañá Celulosas" o sábado 3 de xuño ás 19.30 horas partirán dúas manifestacións das alamedas de Pontevedra e Marín que confluirán ante a fábrica de Ence.