A APDR acusa a Núñez Feijóo de representar os intereses de Ence no Parlamento de Galicia

Pontevedra
03 de setembro 2020

A asociación que preside Antón Masa sinala que as cifras de creación de emprego de Ence ofrecidas polo candidato popular a ocupar a presidencia da Xunta de Galicia na sede paralamentaria son esaxeradas e o colectivo ecoloxista indica que nin sequera a empresa pasteira ofrece cifras tan elevadas

Benito Andrade e Antón Masa
Benito Andrade e Antón Masa / Mónica Patxot

As palabras de Alberto Núñez Feijóo durante o debate de investidura acenderon á Asociación pola Defensa da Ría (APDR) que lamenta a referencia á empresa Ence. O candidato popular á presidencia da Xunta sinalaba que a empresa pasteira ofrecía traballo a 5.000 familias directamente e a 80.000 que viven da madeira.

O colectivo que preside Antón Masa indica que Núñez Feijóo non achegou ningunha base documental que poida xustificar esas cifras, que consideran "esaxeradas" e que nin a propia empresa utiliza cando ofrece os seus datos sobre creación de emprego, datos que para a APDR tamén son "irreais".

Segundo o colectivo ecoloxista, o único dato real de emprego en Ence é o do traballo directo na empresa, que non chega ás 400 persoas, segundo as cifras que manexa a APDR. Afirman ademais que Ence é un freo para o desenvolvemento racional da economía comarcal e galega, porque destrúe o marisqueo, o turismo e a explotación dos montes.

Antón Masa considera inadmisible que o presidente da Xunta ignore a realidade que rodea á empresa Ence que, segundo describe, pasa pola ilegalidade de permanecer na súa localización actual, unha cuestión que se debate nestes momentos na Audiencia Nacional. Por este motivo, a APDR indica que Núñez Feijóo en lugar de defender a legalidade e os dereitos cidadáns "alimenta a mentira e a falsidade falando de que o goberno do Estado pretende instaurar unha "nova doutrina" no referente ás concesións en terreos de dominio público marítimo-terrestre, que provoca incertezas e pon en perigo a permanencia de Ence e a industria instalada no litoral".

A asociación lémbralle ao presidente do PP de Galicia que na nova Lei de Costas, aprobada polo Partido Popular en 2013, establécese que o prazo máximo nun dominio público, incluídas as prórrogas, non superará os 75 anos" e que o dominio público está reservado para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento. Por este motivo, a APDR indica que Ence non pode beneficiarse de ningunha prórroga e espera que así o decida a Audiencia Nacional.