A aparelladora cuntiense, Ana Castro, premiada polo seu traballo na Catedral de Santiago

Pontevedra
12 de maio 2022

Ana Castro, aparelladora da Fundación Catedral de Santiago, é a gañadora do Primeiro Premio a Actuacións en Cidades Patrimonio da Humanidade que concede o Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España (CGATE)

Cuberta da Catedral de Santiago
Cuberta da Catedral de Santiago

Ana Castro, aparelladora da Fundación Catedral de Santiago, é a gañadora do Primeiro Premio a Actuacións en Cidades Patrimonio da Humanidade que concede o Consello Xeral da Arquitectura Técnica de España (CGATE). 

Esta arquitecta técnica nada en Cuntis, veciña de Poio, e colexiada do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra recollerá este sábado, 14 de maio, en Toledo o galardón que dedica "a todos os que participan e participaron na restauración da Catedral de Santiago". "Este premio é o recoñecemento a un traballo en equipo de moitos anos, de moita xente, de todo un grupo de profesionais que puxo moita ilusión e dedicación, moito talento e esforzo na restauración da Catedral de Santiago de Compostela", afirma.

Ana Castro destaca tamén que este premio permite dar visibilidade á profesión da arquitectura técnica algo que "fai moita falta" xa que "en moitas ocasións é un traballo que pasa desapercibido". Lamenta que a dirección de execución de obra "case sempre se dilúa cos técnicos da contratista principal, subcontrata, etcétera... Quedamos en terra de ninguén". 

Ana Castro comezou a traballar na Catedral compostelá no ano 2013 "é un traballo complexo e moi delicado, no que cada día adquires novos coñecementos; é un traballo especial, é único, onde estás rodeada de expertos que achegan diferentes puntos de vista e trabállase en equipo, por onde pasa todo tipo de profesionais que poñen o mellor de cada profesión, onde hai un intercambio de opinións para facer un traballo de excelencia na nosa profesión e para a nosa profesión".

O seu labor diario consiste en supervisar todo o traballo de todas as subcontratas; de todas as construtoras que traballan para a Fundación Catedral de Santiago de Compostela e tamén desenvolve a xestión económica, revisa a execución dos diferentes proxectos, dos plans de traballo, das certificacións.... En poucas palabras, é a persoa que está ao pé do canón. Ao seu xuízo, "é un traballo inmenso" xa que os aparelladores son "un elo fundamental na cadea que forman todos os profesionais que participan neste traballo". 

Ana Castro, nestes momentos de recoñecemento, ten un especial recordo para Adega Da Costa, outra arquitecta técnica de Vigo, "que estivo comigo desde o principio colaborando, facendo labores de execución de obra e encargouse tamén da seguridade". 

Actualmente Ana Castro está a preparar un novo informe sobre a rehabilitación doutros espazos do templo compostelán, "hai que continuar restaurando a Catedral de Santiago de Compostela, porque necesita continuamente a man de profesionais". "A idea é seguir conservando e poñendo en valor as zonas que aínda deben ser restauradas na Catedral de Santiago de Compostela", engade.