Circular pola autoestrada AP-9, unha das vías de alta capacidade máis caras de todo o Estado, ameaza con ser aínda moito máis lesivo para os petos dos cidadáns. Audasa estaría a preparar unha subida astronómica das peaxes, ata un 9% máis en todos os seus tramos.
Aínda que por agora trátase de estimacións, a concesionaria da AP-9 querería que os novos prezos entrasen en vigor o próximo 1 de xaneiro, elevando o custo total do traxecto entre A Coruña e Vigo ata os 19,15 euros, 1,65 euros máis que na actualidade.
Os novos prezos, que en todo caso deberá apoiar o Ministerio de Transportes, situarían a peaxe entre Pontevedra e Vigo nos 4,50 euros -actualmente custa 4,15 euros-, mentres que a viaxe entre Pontevedra e Santiago subiría ata os 6,75 euros, sesenta céntimos máis.
O Goberno, segundo o seu delegado en Galicia, José Miñones, non ten aínda constancia da proposta que fará Audasa, polo que defendeu esperar a escoitar á compañía antes de pronunciarse sobre esta posible subida das peaxes.
Miñones lembrou que as subidas anuais que se rexistran nas peaxes da AP-9 "está a asumilas o Goberno", a través de bonificacións. "Temos moi clara nosa liña de ruta", sostivo o delegado, que é que os usuarios non asuman ese incremento.
Pero o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dá por feito ese incremento e este mércores lamentou que o encarecemento das peaxes na autoestrada galega, que definiu como unha "subida histórica" que chega no "peor momento".
"Aínda se está a tempo de rectificar", afirmou o presidente galego, que instou ao Goberno a que conxele o custo das peaxes dunha autoestrada que, segundo lembrou, vertebra todo o territorio galego e une as súas principais cidades.
O BNG tamén protestou enerxicamente ante esta subida proposta por Audasa ao entender que é "absolutamente escandalosa" e supoñería un "novo mazazo" ás empresas galegas e a todos os cidadáns da comunidade.