Dous anos e medio despois da anterior poxa -que quedou deserta-, a Xunta de Galicia volve tentar desprenderse do edificio da antiga Cámara Agraria na praza do Teucro. O Diario Oficial de Galicia publicou un anuncio no que se convoca aos interesados a unha nova poxa do inmoble, que se celebrará o próximo 14 de xaneiro na delegación territorial da Xunta en Pontevedra.
A propiedade, composta de semisoto, baixo e un piso duns 496 metros cadrados de superficie, sae a licitación por 828.858,81 euros. É un prezo lixeiramente inferior ao que tiña en marzo de 2013, a primeira vez que saíu a poxa. Ademais, os interesados deberán asumir tamén respectar o contrato de aluguer co restaurante que ocupa o baixo do inmoble, cuxa finalización se espera xuño de 2016.
Este edificio foi a sede da Cámara Agraria de Pontevedra desde 1979, ano no que o inmoble, coñecido como pazo de San Román, foi rehabilitado, ata 2007. Foi entón cando a Xunta decidiu liquidar estes entes provinciais. Tras o seu peche, baralláronse diferentes usos, entre eles, un arquivo provincial sobre o movemento agrario e gandeiro. Pero finalmente optou por sacala a poxa do mesmo xeito que as demais sedes provinciais.
Ademais, durante esa mesma poxa, a Xunta tratará de vender outras propiedades na cidade de Pontevedra. En concreto, trátase de tres pisos.
O primeiro deles, que ten un prezo de licitación de 40.568 euros, está situado en Loureiro Crespo 14 e ten 79 metros cadrados, repartidos en vestíbulo, sala de estar-comedor, tres dormitorios, cociña, baño, aseo, lavadoiro a patio de luces e balcón.
Pola súa banda, por 99.000 euros sae a poxa outra vivenda na rúa Carrasqueira 2, de 105 metros cadrados e con praza de garaxe e trasteiro.
En Benito Corbal 37 está situada a terceira das propiedades. Ten un prezo de licitación de 260.310,60 euros e trátase en realidade de dúas vivendas que, o pasado mes de novembro, foron separadas. Unha ten 148,58 metros e a outra 90,32 metros. Poxaranse xuntas.