A Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) do Hospital Público do Salnés está de estrea. Os traballadores e traballadoras acaban de trasladarse ás súas novas dependencias de traballo e descanso na zona que ata agora ocupaba a área de esterilización.
O espazo novo é "maior e máis confortable" como resultado dunhas obras de transformación que afectaron a unha superficie total duns 230 metros cadrados.
Os traballos, que duraron cinco meses, non só habilitaron novas instalacións para as profesionais de HADO, tamén crearon novos locais para HADO Psiquiatría e remodelaron os vestiarios con duchas para o persoal de limpeza.
A Unidade de HADO pasa a ter sobre 150 metros cadrados distribuídos do seguinte xeito: unha gran sala de traballo con capacidade para cinco postos de oficina, na que tamén se integra unha sala de sesións clínicas e de descanso; unha consulta médica; un almacén e zona de área limpa para preparación de medicacións; e aseos.
O equipo de HADO Psiquiatría agora ten un novo espazo diáfano multifuncional duns 30 metros cadrados -fronte aos 20 dos locais anteriores-, cunha sala de traballo con capacidade para dous postos, así como de Traballo Social.
Estes traslados deixaron libre máis superficie para ampliar as dependencias da base medicalizada e de enfermaría da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en Vilagarcía. Xa comezaron os traballos de demolición previos ás obras de mellora dos futuros espazos de traballo, docencia e descanso dese persoal de urxencias.