A andaina solidaria de Campo Lameiro xunta 3.165 euros para a Fundación Andrea

Umia
18 de setembro 2023

Un total de 600 persoas tomaron parte nesta actividade deportiva non competitiva que percorreu os principais atractivos da Capital do Turismo Rural de España e da Arte Rupestre de Galicia

Andaina solidaria de Campo Lameiro
Andaina solidaria de Campo Lameiro / Concello de Campo Lameiro

A II Andaina Concello de Campo Lameiro logrou reunir un total de 3.165 euros que foron entregados nun cheque simbólico polo alcalde Carlos Costa á directora da Fundación Andrea, Amaya Castro, unha entidade que axuda aos nenos con enfermidades raras e de longa duración con moito tempo de hospitalización.

Os organizadores tamén tiveron ocasión de levar alimentos ao Comedor Social de San Francisco e así foron cara Pontevedra uns 100 quilos de mexillóns, froita, pan e froitos secos que formaban parte das viandas que tiñan a disposición as persoas participantes nesta iniciativa solidaria.

Os cartos procedía das 600 inscricións formalizadas polos participantes nesta proba deportiva non competitiva que se desenvolveu este domingo.

Ao rematar esta proba, o alcalde Carlos Costa, que estivo acompañado polo seu homólogo de Portas, Ricardo Martínez, agradeceu aos participantes a súa presenza en Campo Lameiro que aproveitou o percorrido para amosar gran parte do seu patrimonio natural, un dos principais argumentos para que este concello lograra a distinción de Capital do Turismo Rural de España 2023 que se úne á capitalidade da Arte Rupestre de Galicia que ostenta desde hai moito tempo.

O percorrido establecido pola organización para esta segunda edición tiña un desnivel positivo de 860 metros para a distancia longa de 23 quilómetros, que tiña tamén habilitados 3 avituallamentos. No caso do trazado medio, de 14 quilómetros, dispuxo de dous avituallamentos e no curto, de 8 quilómetros, un.