A análise practicada polo servizo de Saúde Ambiental da Xunta de Galicia confirma que a praia fluvial de Ponte Caldelas, galardoada coa bandeira azul, conta cunha calidade de auga excelente.
Deste xeito dáse fin ó episodio sufrido durante esta semana coa aparición o pasado luns dunha vertedura que fixo saltar todas as alarmas e orixinou a denuncia por parte do Concello de Ponte Caldelas ao da Lama ao sinalarse a EDAR deste municipio como causante do mesmo.
Os parámetros obtidos na análise cumpren con creces os estándares esixidos por ADEAC (asociación encargada en España do Programa Bandeira Azul) para a calidade das augas das praias galardoadas.
Esta volta á normalidade coincidiu coa visita á praia de José Palacios Aguilar, Vicepresidente Primeiro desa asociación, que quedou sumamente satisfeito do traballo realizado na praia coas diferentes reformas e instalacións levadas a cabo e que eran imperativas á hora de cumprir coas esixencias de Bandeira Azul. Reafirmou tamén o acerto que supón o apostar pola praia de Ponte Caldelas como a primeira praia fluvial de España en conseguir este galardón.
Andrés Díaz, Alcalde de Ponte Caldelas, destacou a importancia da Bandeira Azul como unha fonte de turismo imprescindible e afirmou que "non sabemos como se actuou ata o de agora nestes temas, pero o novo Goberno local ten a firme convicción da protección do noso río, da calidade das súas augas e respecto ó medio natural como prioridade".
Do mesmo xeito quixo agradecer a boa labor do anterior goberno na consecución da Bandeira Azul.
A LAMA NON DETECTAN FUGA NA SÚA DEPURADORA
O Concello da Lama recibiu o informe encargado aos técnicos municipais no que se determina que, "despois de realizar unha minuciosa inspección" na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Lama e nas conducións anexas "non se detectan nin fugas nin avarías que relacións o episodio da praia fluvial da Calzada con estas instalacións municipais".
Así mesmo, o alcalde Jorge Canda Martínez sinalou que a depuradora da Lama "non é a única instalación destas características existente no curso alto do río Verdugo" e recorda tamén que durante a tarde do domingo, entre as 16 e as 17:30 horas "se rexistrou unha tromba de auga procedente das intensas chuvias precipitadas na devandita xornada" que puidese arrastrar sedimentos ou achegas de terra que se precipitase ao curso do río" ou, mesmo, "que chegase a provocar un desbordamento puntual dalgunha estación depuradora das existentes na zona aínda que, pola inspección ocular realizada, este feito puidese excluír á EDAR da Lama".
Malia todo, o Concello da Lama expresou novamente ao seu homólogo de ponte Caldelas, Augas de Galicia e Medio a súa máxima disposición e colaboración para encontrar a orixe do problema co fin de poñer os medios oportunos que eviten que un suceso destas características volva repetirse.
Así mesmo, Canda recordou a boa sintonía que tradicionalmente marcou a relación institucional entre os alcaldes da conca Verdugo-Oitavén (Fornelos, ponte Caldelas e A Lama) e apelou ao "diálogo, a fluída comunicación" fronte á "precipitación mediática facendo graves acusacións, coma se o feito fose intencionado ou deliberado, e anunciando a presentación de denuncias que, ben ao contrario, contribúen a provocar un ambiente non desexado por ninguén e que atenta contra as normais e tradicionais boas relacións veciñais existentes entre os tres concellos", sinalou Canda.