O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este luns o Centro Integrado de FP Carlos Oroza en Pontevedra, no que a Xunta está levando a cabo unha ambiciosa reforma de ampliación cunha achega de 2,7 millones de euros.
Durante a súa visita, o responsable autonómico de Educación deu conta das obras que se están realizando aproveitando o período estival na provincia de Pontevedra ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica ou en proceso de licitación. En total, a Administración autonómica impulsa 124 actuacións en 97 centros educativos da provincia cun investimento de case 30 millóns de euros.
Estas actuacións, segundo sinalou o conselleiro, son un exemplo “da importante aposta que o Goberno galego está a facer para acadar centros escolares máis modernos, confortables e sostibles tanto desde o punto enerxético como medioambiental. Trátase de intervencións como ampliacións, rehabilitacións integrais, melloras de eficiencia enerxética ou de accesibilidade que intensificamos nestas datas co fin de aproveitar o período non lectivo e causar o mínimo impacto na comunidade educativa”.
Neste senso, das obras previstas para a provincia, 53 son grandes actuacións (cun período de execución maior que o verán) como a que se está levando a cabo neste centro da cidade de Pontevedra e que ocupan a meirande parte do orzamento. Trátase de obras noutros tantos centros educativos que contan cun orzamento de 27,3 millóns. As restantes son obras menores, un total de 50 que suman un investimento superior a 1,7 millóns para pequenas reformas e melloras nunha trintena de colexios e institutos.
As obras de ampliación que se están desenvolvendo no Centro Integrado de FP Carlos Oroza, e que está previsto rematar a finais de ano, dan continuidade á reforma iniciada en 2015 e que, no seu conxunto, contan cun investimento de 2,7 millóns. Van permitir dar resposta á elevada demanda dun centro referencial en Pontevedra para o sector turístico e hostaleiro.
A intención da consellería é ter rematada esta actuación no mes de decembro.
Ademais da intervención no Carlos Oroza, a Xunta está a executar na cidade de Pontevedra outras obras ambiciosas en centros educativos como é a reforma, recién comezada, do IES Valle Inclán, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros; ou a ampliación do Luis Seoane, que roza o millón de euros e está case rematada.
A rehabilitación integral do IES Xunqueira I, dotada con 736.000 euros, está a piques de rematar, asegurou o concelleiro Román Rodríguez.
Están programadas tamén melloras sectoriais nos CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Xunqueira I e CIFP A Xunqueira.
Sobre a reforma do IES Valle Inclán, o conselleiro mostrouse comprensivo coa preocupación das familias pero quixo lanzar unha mensaxe de "tranquilidade e cautela". Remarca o mandatario que os traballos se están levando "en tempo e forma" e lembrou que se trata da "rehabilitación máis grande dun centro educativo que se ten feito en Galicia"
Neste sentido, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, preciso que os módulos equipados coas aulas prefabricadas non se instalarán no Paseo de Montero Ríos ata despois do 24 de setembro, data na que se disputa na cidade a final das World Series de tríatlon. Ademais pediu comprensión ás familias e á comunidade educativa porque "o prioritario é garantir a seguridade e iso require tempo e tranquilidade. As familias teñen que entendelo, non se trata de correr, senón de facer as cousas ben".
Desde a Consellería de Educación confirman ademais que os cursos da Escola Oficial de Idiomas e de Educación para Adultos trasladaranse ao IES Sánchez Cantón mentres duren as obras.