A ampliación da residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade eleva a 64 as prazas públicas no municipio

Cerdedo-Cotobade
01 de agosto 2022

Está previsto que o novo servizo abra as sús portas a finais de ano, pero este luns produciuse a inauguracióin das instalacións, resultado da ampliación da residencia actual. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou na inauguración desta ampliación, xunto co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

Inauguración da ampliación da residencia de maiores de Cerdedo
Inauguración da ampliación da residencia de maiores de Cerdedo / Xunta de Galicia

A nova residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade é xa unha realidade. Está previsto que o novo servizo abra as súas portas a finais de ano, pero este luns produciuse a inauguración das instalacións, resultado da ampliación da residencia actual de Cerdedo. 

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou na inauguración desta ampliación, xunto co alcalde, Jorge Cubela, e a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García. 

A Xunta de Galicia investiu 2 millóns de euros nestas instalacións, que se integrarán coas dos outros centros do municipio e suma 46 novas prazas públicas á Rede de Coidados a Persoas Maiores de Galicia. 

Sumadas ás dos outros centros do municipio, farán un total de 64 prazas públicas de atención residencial e 30 de atención diúrna.

A voceira do PSOE en Cerdedo-Cotobade, Lina Garrido, sinalou, despois da inauguración, que lamenta que o presidente da Xunta non clarificara o tipo de xestión baixo o que vai a desenvolver a súa actividade.

"A día de hoxe non se sabe si o centro vai a ser de xestión pública ou privada", critica Lina Garrido, que tamén lamenta que o centro leva rematado e co seu equipamento dende novembro do 2021 e cunha lista agarda de 1.500 persoas en Galicia esperando por unha praza.

Lina Garrido tamén critica que a data de inicio da actividade estaba prevista para o 12 de xaneiro de 2022, contando coa licencia de apertura correspondente. 

RESIDENCIAS EN GALICIA

Alfonso Rueda salientou que os novos servizos para maiores de Cerdedo-Cotobade se incorporan ás 13.000 prazas públicas de residencias existentes en Galicia, o triplo que as existentes no ano 2009, e incidiu no compromiso da Xunta co benestar dos maiores. 

O presidente galego destacou que "toda a xente que traballou durante toda a súa vida, que achegou e se esforzou para que os seus fillos tiveran unha vida mellor merecen coidados e servizos de primeiro nivel, como o que acabo de visitar"..

O mandatario tamén fixo referencia ademais ao proceso de fusión municipal emprendido por Cerdedo-Cotobade en 2017, o que lle permite contar con máis axudas da Xunta que redundan en mellores servizos