O goberno local do Concello de Cerdedo-Cotobade salientou que "están avanzando a moi bo ritmo" as obras de ampliación da Casa do Pobo de Augasantas, que están a incorporar diversos axustes en base ás suxestións dos veciños e da comunidade de montes co obxectivo de deixala adaptada ás necesidades dos seus usuarios.
O alcalde, Jorge Cubela, visitou os traballos, xusto cando se cumpren dous meses do seu inicio, para comprobar o seu avance e a inclusión das demandas veciñais. Durante o seu percorrido, enmarcado na xira de comprobación de obras que está a realizar nas últimas semanas por todo o municipio, agardou que esta ambiciosa ampliación estea rematada no presente exercicio.
A actuación na Casa do Pobo de Augasantas consiste na ampliación, adecuación e modernización do recinto para que esta parroquia, unha das máis dinámicas do concello, conte con instalacións axeitadas e espazo suficiente para o desenvolvemento das súas actividades sociais, veciñais e culturais. O proxecto foi adxudicado o pasado mes de agosto por 53.000 euros aos que hai que engadir 5.000 máis en melloras.
Cubela engadiu que o Plan de Centros Veciñais 2019, deseñado a comezos do mandato municipal para dotar ou rehabilitar todos os recintos sociais das parroquias referidas ao territorio de Cotobade –ao programarse antes da fusión con Cerdedo–, ten un elevado grao de cumprimento e xa beneficiou a 9 das 13 parroquias do territorio.
Neste senso, o alcalde indicou que a cifra aumentarase, dependendo de cuestións orzamentarias e administrativas, nas anualidades de 2018 e 2019.